O mecenas Matías López

LEMOS

Crónica | Doazón dunha escola a Sarria A actual Casa da Cultura foi un agasallo deste personaxe, que tratou con elo que os nenos e nenas sarriaos dispuxeran dun lugar axeitado para estudar

30 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Ata 1931 a atención que o ensino primario mereceu por parte dos políticos locais foi tan cativa, mesquiña e pobre, que Sarria constitúe un ermo cultural, no que só se salvan dúas institucións; a escola de Padroado de Mundín e as escolas públicas doadas por don Matías López e López, preclaro fillo de Sarria, quen fixo unha xenerosa manda para un bon edificio, doído do lamentable estado en que se achaba a escola de primeiras letras, levantada na traseira do Hospital de Santo Antón nos anos finais do século XVIII, e con cargo aos fondos da obra pía dos hospitales, na que de neno aprendera a ler, escribir e contar. Coñecida a morte de don Matías en Madrid, acaecida o 18 de xuño de 1891, o Concello de Sarria remitiu unha comunicación de pésame a súa viuva o día 28. Na sesión do 17 de agosto, o alcalde, don Evaristo Gayoso, comunica que dona Andrea de Andrés Sánchez contestou cunha atenta carta e acorda darse por enterado tamén do seu último párrafo anunciando que aquel deixou probas de aprezo para esta poboación na súa última disposición testamentaria, segundo oportunamente participarán os testamentarios a este Concello e Xunta Local de Instrucción Pública. En sesión de 30 de novembro de 1891, supletoria da do día 28, o secretario deu lectura aos documentos que xunta local de primeiro ensino recibiu da testamentaría do Excelentísimo Señor Don Matías López e aquela remitea o Concello para o seu coñecemento. Quedaron informados coa maior satisfacción do importe do legato de 110.000 pesetas que o dito Excmo. Sr. fixo á vila con destino -100.000 pesetas- á construción dun ou dous edificios para escola de nenos e nenas e as 10.000 pesetas restantes para dotalas da menaxe propia desta clase de establecementos. Fora do que Xoán María López de Almance deixara para a igrexa nova, nunca a vila de Sarria recibira doazón tan xenerosamente disposta, e os membros do Concello como explosión unánime do sentimento de gratitude ao ilustre fillo deste pobo Matías López e López, sen discusión algunha, acordan celebrar solemnes exequias en sufraxio da alma do finado custeadas cos fondos municipais e capítulo de imprevistos do orzamento vixente a que se lle comunique a desconsolada viuva Excm. Sra Dª Andrea Andrés e Sánchez e aos seus fillos a vez que se lles signifique a demostración de profundo recoñecemento pola sinalada distinción de aprezo de que esta vila foi obxecto por parte de tan querido doante. E por último, acordar coa mesma unanimidade designar ao señor alcalde e concelleiros señores Macía Vázquez, Macía Vaamonde, Vázquez López e Vázquez Castiñeira como comisión especial e con amplas facultadas para organizaren as exequias do modo e maneira que estimen conveniente. Ubicación do edificio A xunta local de primeiro ensino solicitou no mesmo acto autorización para o gasto que se puidese orixinar para que persoa facultativa levantase plano ou croquis da rúa do Porvir, a fin de verificar a disposición do sitio que se habería de expropiar para a construción do edificio ou edificios da escola de nenos e nenas, doados por don Matías López e sometelo, antes de solicitar aquela, á aprobación da súa viúva e herdeiros, segundo o acordado pola testamentaría na súa xunta de 31 de outubro. E o Concello acordou encargar o plano con cargo a partida de imprevistos. Agás a construcción da igrexa de Santa Mariña, non había antecedente de que fillos da vila tivesen feito achegas para mellorar an condicións de vida dunha vila que, arrastrando unha secular depauperación, entraba na modernidade da man da chegada do ferrocarril e da construción das estradas. As xestións e traballos para a construcción das escolas públicas, grazas á ampla inxección de diñeiro aportado pola testamentaría de don Matías, e as decididas e activas actuacións da súa viúva, fillas e xenros, rematou axiña, e o espléndido edificio foi motivo de orgullo para todos os sarriaos, e segue sendoo. A historia deste edificio recolle a adicación a escolas de nenos e nenas, sede de xuízos con xurado, bailes sociais, escola nocturna, cuartel militar, sede do fogar de Organización Juvenil Española, comedor escolar, centro de educación de adultos, centro de recursos, sede do equipo psicopedagóxico, escola de música, centro xuvenil, instituto de bacharelato, instituto de formación profesional, escola obradoiro, biblioteca, arquivo histórico de protocolos e Casa da Cultura. En terreos desta institución álzanse dúas novas edificacións que agora albergan a escola municipal de música e un parvulario. Poucos edificios hai en Sarria que teñan prestado mellor función social. Sarria terá sempre unha grande débeda con aquel neno de familia pobre que marchou a probar sorte en Madrid, mal calzado e mal vestido.