No outono, cambio de rumbo

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

CARLOS RUEDA

Reportaxe | Fin de temporada nas rutas fluviais do Sil e do Miño Os catamaráns da Deputación deixarán de facer viaxes diarias a partir do 1 de outubro, mentres os seus responsables estudan posibles melloras no servizo

28 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?s rotas turísticas fluviais da Deputación terminan unha campaña de verán na que atraeron a moitos millares de visitantes, aínda que as cifras correspondentes a este temporada aínda están sen elaborar. Durante os últimos meses, segundo explican os responsables deste servizo, foron moitos os viaxeiros que utilizaron as embarcacións a pesar dos atrancos que representou a baixada de nivel dos encoros. O catamarán que cubre a rota do Canón do Sil, con base en Doade -que transportou cerca de cerca de 65.000 visitantes o pasado ano-, estivo recentemente parado durante cerca de dez días a causa do descenso das augas. A embarcación de Belesar tivo que interromper a súa actividade hai unha semana polo mesmo motivo e xa non a reanudará ata a próxima temporada. O catamarán do Canón do Sil segue a navegar na actualidade, despois do breve período de interrupción forzosa, pero a partir do 1 de outubro cambiará o seu calendario de funcionamento. A embarcación deixará de facer saídas diarias, como ata agora, e navegará só os sábados, domingos e festivos. Os horarios non experimentarán cambios: unha saída ás 11.30 horas e outra ás 16.30. Durante a semana só fará viaxes concertadas para grupos numerosos, formados por trinta pasaxeiros polo menos. Durante a recén terminada temporada de verán, esta rota foi de novo a que gozou de máis popularidade entre os visitantes, grazas á espectacularidade das paisaxes que se contemplan no seu traxecto de 24 quilómetros entre Doade e Os Chancís, de tres horas de duración. Os responsables do servizo puntualizan que os viaxeiros non só quedan satisfeitos da paisaxe, senón tamén do trato que reciben a bordo. «Recibimos con frecuencia cartas e mensaxes por fax de usuarios dos catamaráns nas que expresan o seu agradecemento pola amabilidade con que son tratados», afirma un dos funcionarios que se ocupan destas rotas.