Pranto por Manuel María

XOSÉ M. EYRÉ

LEMOS

TRIBUNA | O |

13 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

E GRAZAS, Deus, pois que un 6 de outono do ano 30 do pasado século nos deches a Manuel María en Outeiro de Rei da Terra Chá. El, que había de ser poeta cun algo de labrego, sempre fiel á súa Terra e á súa tribo, que nunca outra cousa pediu máis que ás cousas tenrurar e aos homes verdade. El, que alá polo ano 57 baixou a Monforte e cantaría ás xentes e ás terras do Val de Lemos como ninguén nunca o fixera, dono de verso claro e corazón grande. Foron catro décadas da súa vida as que Manuel María Fernández Teixeiro gastou ás beiras do Cabe, corenta anos idos entre paseos pola Compañía, tertulia cos amigos, o desenvolvemento dos seus labores profesionais, o escritorio da libraría Xistral... letra para perdurar... Corenta anos tratando de dinamizar unha vida cultural monfortina opaca e pouco transixente, antes e agora. Corenta anos sementando ilusións e recollendo, cantas veces!, cansazo (pago vergonzantemente frecuente para aquilo ofrecido sen outra finalidad que non sexa o incremento das calidades humanas dos demais) como testetmuñar poden tantas lemavas voces que arrancan follas nos almanaques da diáspora. Dirán, os libros de texto e as historias que falen da tribo de nós, que Manuel María foi home de verso limpo e sincero, cos que combateu a tiranía e a inxustiza, cos que cantou o amor, as xentes e o seu país. Lerase que escribiu non só poesía senón tamén narrativa e moitísimo teatro, para axudarnos a ser máis nós, muiñas as brétemas da ofuscación, pois tamén falarán os libros da súa consciente participación política en proxectos de artellar Galiza. Eu só direi que en media hora de conversa co Manuel aprendín máis literatura que en cinco anos universitarios. Que a súa enteireza e dignidade me serán sempre exemplo. Que desde o funeral deste venres son menos eu, parte de min ficou con el na terra, no Outeiro seu.