LA TRIBUNA | O |
10 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ONTE lin o pasamento de Manuel, Manuel María, o poeta chairego, e de súpeto o meu esprito tornouse en mágoa infinda e callafrío atoutiñado pola dor. O poeta amigo de todos nós cruzou xa os umbrais da vida e da morte. Foise sen facer bruído, lizgairo, sinxelo coma él era, o poeta da terra, poeta da brétema e dos muiñeiros, poeta de mar adentro, coma un vento ceibo nun soño engaiolado, vento de liberdades e soños para nosa terra, esa Galiza que tanto amou, que tanto quixo ate a extenuación, coma as súas xentes, xentes de ben, xentes sinxelas e sofridas, labregas, muiñeiros, artesás, mariñeiros. Manuel era verbo vivo, conversa pura e verso xeneroso e métrico, pero por riba de todo era amor a Galiza e a súa lingua. Era o estandarte dun tempo e dunha xeración cáseque desaparecida. Era i é e sempre será un dos mellores poetas da nosa terra. Pero sobor de todo, era un bó home, amigo dos seus amigos, entregado e bondadaso, mantial de auga sempre viva e limpa. Ninguén coma él cantou a esa terra do norde de Lugo, ninguén coma él voltará endexamáis a cantar ó río Cabe. Coñecín a Manuel sendo cáseque un neno no seu recuncho da librería Xistral sempre arredor da súa inseparable Saleta, alí rodeado de libros e Sargadelos na súa táboa de traballo chea de poemas e de amigos. Relembro a súa voz grave e profunda, o seu ollar por riba das lentes i ese andar lizgairo e algo encorvado coa súa dona arredor dos Escolapios e o Cardeal. Foise o poeta a carón dos mares e do tempo, foise na procura de atopar senso á súa vida, e quédanos o seu recordo, a súa lembranza i coma non, unha obra prodixiosa, inmaculada e limpa. Foise o poeta da terra, de súpeto, cando ninguén o podía esperar, déixanos orfos de amizade e maxisterio pero co corazón a rebosar.