Festas populares | Ofrenda aos Remedios en Castro Caldelas A vila caldelá comezou onte as festas patronais coa saída do singular personaxe do Irrrio, que leva unha máscara de madeira e que abriu a comitiva ceremonial da ofrenda municipal á Virxe
07 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Faltaba media hora para as doce e a concelleira de Cultura de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, daba orde de que non quedara desatendida a sala da planta baixa do Concello. Alí estaban todas as bombas dos Remedios 2004. Faltaba pouco para o desenvolvemento dun acto que forma parte do ceremonial local da vila: a ofrenda á Virxe. A cinco minutos da hora en punto, o crego, José Rodríguez, ía buscar quen lle repinicara as campás. Á hora en punto comenzaban a soar, así como a estoupar a primeira das 21 salvas reais. Na outra punta da vila, a Banda de Vilanova dos Infantes comezaba a marchar ata o centro. Diante, os gaiteiros Airiños de Caldelas cos seis cabezudos da festa. Ante a cancela do adro do santuario, o alcalde, Eladio Osorio, agardaba. A comitiva viña precedida polo Irrio, autoridade local nestas datas que se deu a ver onte. Primeiro saudaron ao alcalde os gaiteiros cunha alborada e de seguido entraron no templo a todo tocar para ocupar o seu posto. Aos poucos minutos o son das gaitas deu paso, no adro, ó empaque da banda, que chegaba solemne enchendo o ambiente da praza. O director saudou á primeira autoridade municipal. Dende aí, primeiro entrou no templo o Irrio, seguido de Eladio Osorio e detrás a banda. Por último, unha morea de xente que encheu a ampla igrexa. Dentro, coa banda a todo vento a atmósfera era grandiosa pois o edificio, todo de pedra, facía de maxestuosa caixa de resoancia. Aquel son arripiaba o corpo. Diante da imaxe da patrona, o crego deu unhas pinceladas da historia do santuario, sendo a existente a terceira construción, onde séculos arás se veneraba á Virxe do Prado, hoxe dos Remedios. O protocolo seguiu cunha actuación dos gaiteiros, que interpretaron arredor da imaxe santa unha peza exclusiva para ela. Son os Airiños de Caldelas, «que naceron no colo da Virxe», dixo deles o párroco. En segundo lugar, a Banda de Vilanova dos Infantes rendeu a súa homenaxe cunha peza que volveu a arrancar toda a sonoridade que agouchan aquelas pedras. A xente disfrutou cunha atención especial nun momento moi caldelao, espectacular. Sentemento En terceiro lugar, o alcalde fixo o discurso de ofrenda. «Esta festa é algo máis que un folclore, é un acto de fe, de tradición e de sentemento». Eladio Osorio referiuse agarimosamente aos veciños que con ilusión puxeron a noite antes as bandeiriñas de papel en todas as rúas, que que a treboada lles estragou por completo. «Quero pedirlle á Virxe que interceda para que non se fagan tantas barbaridades terroristas», dixo. Pediulle tamén que os problemas se resolvan coa forza da palabra e non se esqueceu «dos nosos devanceiros», dos que os caldelaos heredan esta tradición festiva. Os emigrantes e os tristes pola perda de seres queridos tamén estiveron nas palabras do oferente animando a estes últimos a disfrutar con todos os seus veciños e a quedarse no corazón cos mellor lembranza dos seus. O acto rematou coa interpretación do Himno de Galicia. José Rodríguez pediu a todos que o escoitaran e sentiran con «verdadeira devoción» por ser «a música da terra». Con elegancia, primeiro os gaiteiros e despois a banda saíron tocando as súas melodías co aplauso do pobo.