Crónica | Historia das bandas e grupos na comarca Cada catro anos os diferentes gobernos locais prantexan o proxecto de creación dun conservatorio oficial, pero a pesar dos músicos profesionais non se chega a realizar
14 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Historia de encontros e desencontros, de amores e desamores é a da presencia da Música en Sarria. Dende a lonxana contratación de gaiteiros de Terra de Montes para «regocixar» as festas de Corpus e San Xoán, ata a primeira semeadura do músico militar Lliteras nas décadas derradeiras do século XIX, poucas referencias temos, e no século XX vai haber tantos altos e baixos na traxectoria que, por moito tempo, Sárria será un ermo, e só a presenza de bandas e orquestras foráneas fará posible escoitar melodías de máis ou menos depurada interpretación. Santa María de Vilar-Vilapedre, Farbán-Fafián... serán áreas onde o verme da Música prenderá con forza, e de cando en vez as autoridades municipais apostarán por manter unha Banda de Música, para de seguido, «por razóns de orzamento» botar todo o labor por terra. As clases dirixentes de Sárria, entre os anos 1870/1960 van amosar a mesma fobia para a creación de escolas que para coa promoción de calquera xeito de expresión artística, o que non quere dicir que a nivel particular non gostasen da Cultura, ou non a tivesen mamado, nada máis lonxe da realidade, o que pasa é que soster escolas ou grupos musicais a conta dos sucesivos concellos, por eles señoreados, non entraba nos seus cálculos políticos. Foron esas razóns as que, agás en contadas ocasións, impediron a consolidación de bandas musicais de promoción pública, de maneira que as que ían xurdindo se debían ó voluntarismo e afeizón de persoas sensibles e namoradas da Música. Tal ou cal coro ocasional, ou a presenza de solistas en actuacións do Teatro-Salón da entón Rúa do Porvir, non abondaban para o enriquecemento espiritual dunha vila e dun concello que, naqueles anos, se caracterizaban por ser, en liñas xerais, un foco de escurantismo e desleixamento. Bandas e orquestras no San Xoán, a duras penas mantiñan aceso ó lume musical, e as diferentes bandas que ían xurdindo na vila e no medio rural, carentes de dirección realmente especializada, esmorecían sen pena nin gloria, e nunca chegaron a ter a sona das que con pulo se mantiñan en localidades da mesma ou similar categoría que Sárria. A chegada do mestre Piquero pareceu dar folgos a unha consolidación dignificadora, mais axiña o Concello, no ánimo de «aforrar» abandoou a súa promoción, e gracias a que varios dos compoñentes da banda seguiron teimudos nos ensaios «por libre», se puido conservar o remol daquelas brasas que naceran nos anos finais do século XIX. Recuperación Coa chegada da Democracia, Sarria recuperou a súa banda e promocionouse unha escola Municipal de Música. E semellaba que a existencia desa agrupación, a existencia de grupos de música rexional e dunha coral, así como a semente de grupos da «nova música», ou a existencia dunha escola particular, pregoaban mellores tempos... Iso parecía, porque ademais de contar con directores activos, músicos de prestixio e un relativo apoio de institucións e particulares, as novas xeracións enganchábanse ós ensaios e ás actuacións, cun exemplar esforzo, moitas veces pouco valorado. ¡E aínda así...!, cando un bota unha ollada darredor, e ve de que son capaces en Viveiro, en Lalín, en Xove, en Melide... chega a poñer en dúbida se estaremos diante dunha consolidación con proxección de futuro, ou se estará diante dun pregoado novo esmorecemento. Cando, cada catro anos, lemos os programas-promesa de valuto, que non programas-compromiso, de cantos aspiran a sentar no Concello, unha e outra vez reiterando a súa vontade de que Sárria conte cun Conservatorio Oficial de Música (é certo, a letra impresa non minte), e pasan os anos e, malia a que hai bons profesionais, a que nenos e mozos se envolven de ambiente musical, o proxecto non pasa do quimérico mundo dos soños, para vergoña de quen nos vende o «caramelo» e, parvos de nós, cada catro anos queremos crelos. Sana envexa sentimos os sarriaos, hai unhas semanas, cando a Orquestra Sinfónica de Melide (vila xacobea como a nosa) nos transportou ata límites que tamén quixeramos alcanzar en Sárria. Iso si, fachendosos que somos, presumidos de sermos a primeira vila de servizos no Camiño de Santiago. E en realidade facemos como aquela afamada Banda de Igón que tocaba aquelo de «¡Non hai quen nos chufe, chufámonos nós!, ¡Non hai quen nos chufe, chufámonos nós!, ¡Non hai quen nos chufe, chufámonos nós!...