Santiago na terra de Sarria

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | O culto ao Apóstolo na toponimia A igrexa de Barbadelo tivo especial importancia na Idade Media como cabeza de moitos pequenos mosteiros e perdeu cos anos algunha das súas tallas máis valiosas

24 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O culto ao Apóstolo Santiago prendeu moi axiña na Terra de Sárria, e aínda hoxe está presente en moitas denominacións parroquiais, e a súa imaxe aparece en numerosos altares de igrexas e capelas da nosa xeografía comarcal. Na vila de Sárria estivo documentada unha ermida de Santiago do Mercado, na aba Oeste do outeiro onde se asentaba a Fortaleza, e ese pequeno templo estaba en pé aínda arredor do 1855, indo as referencias documentadas ata o século XIV. No mosteiro da Madalena, no altar maior, ocupaba lugar destacado unha imaxe de Santiago, da autoría de Gregorio Fernández (pai) que agora se pode ver no altar maior da igrexa de Farbán. Especial sona tivo na Idade Media o locum Sancti Iacobi ou mosteiro de Sancti Iacobi , in villa Domni Audilani , que é a igrexa que agora coñecemos como de Santiago de Barbadelo. Este mosteiro de Santiago de Barbadelo tivo certa importancia como cabeza de moitos pequenos mosteirolos, e a parroquia formou parte de Samos, máis de 700 anos, ata que en 1840 se integrou no concello de Sarria. Outro mosteiro adicado a Santiago foi o chamado de Mortoláns, na actual parroquia de san Pedro de Froián, nun paraxe coñecido como A Ermida, que acabou vencellado a Samos, e ao que se refire o presbítero Seserigo no ano 907, e que describen máis adiante como villa que est as sanctem petrum ad Campos, ubi dicunt Mortolanes e sanctum Iacobum in Froian quomodo est conclusum in testamento cum suis dextrix (1009). Xa na primeira parte da Idade Media resoan as igrexas de Santiago de Çaon (Zoo), Santiago de Cedrón, Santiago de Formicarios (Formigueiros), Santiago de Nesperaria, Santiago de Raniscli (Renche) in villa Pompeani , Santiago do Souto de Ferradal (na Arméa), Santiago de Toldaos (O Mao)... e a esta lista hai que engadir Santiago de Farbán, Santiago de Castelo dos Infantes, Santiago de Estraxiz, Santiago de Andredade, Santiago da Laxe, Santiago de Aldosende, Santiago de Saa, Santiago da Veiga... O vencello xacobeo prendeu forte na devoción popular e a iconografía, preferentemente o santo vestido de peregrino, primou á hora da identificación do padroeiro. A mudanza dos tempos fixo que algunha desas imaxes teña desaparecido, tal é o caso da imaxe do Santiago de a cabalo que era a máis destacada xoia da igrexa de Barbadelo, que desapareceu mergullada no opaco mar das antigüidades, e nunca máis se volveu saber dela. De todos estes lugares xacobeos, sen dúbida ningunha, foi o locum Sancti Iacobi (Barbadelo) o máis sobranceiro e tivo a gloria de ser defendido por San Rosendo, no litixio sostido polo mosteiro de Samos, baixo a exida do abade Novidio, e que se refería á vila de César, e ao mosteirolo de San Paio, pleito no que San Rosendo sostiña que Cartino Tedoniz e a súa muller Vedrillio deran esa casa ó locum sancti Iacobi (9 de maio de 960). Singular importancia ten o feito de que no ano 849 o crego Andreas edifique e dote unha igrexa adicada a Sancti Iacobi e diga que «a concedo e ofrezo á igrexa vosa e para os vosos altares en esmolas dos pobres no lugar de Santiago, sito a carón do río Cavexio, a herdade que teño da sucesión dos meus pais na vila que din Toldaos», porque nos remite a un tempo ben lonxano como un dos primeiros lugares baixo a advocación do Apóstolo. Pagos en centeo e viño Outro elemento xacobeo a ter en conta é o feito de que os nosos devanceiros, por razón do Voto do Apóstolo, viñan obrigados a pagar ben en centeo, ou en viño (isto en San Mamede de Castro) en cada seu ano certas cantidades para a Catedral de Compostela, e iso ata as Cortes de Cádiz. E aínda teriamos que engadir o custe do sostemento dos moitos hospitais da zona, que se sustentaban con rendas. E os arranxos das pontes que corrían pola conta das freguesías que estaban ó longo do Camiño, e ata os veciños da xurisdición de Sárria pagaban as reparacións da Ponte de Vilafranca. Que as peregrinacións a Compostela ademais de producir beneficios espirituais tamén producían efectos colaterais cuantificados en reais e maravedís.