Non somos cataláns

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Sárria debe levar o til no primeiro a O nome da vila aparece acentuado correctamente en varios documentos oficiais dos séculos XIX e XX, pero normalmente cométense erros ao escribilo

19 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Xa tiñamos a desgraza de que nos chamasen Sarriá os de fora, meténdonos no mesmo saco que San Viçenc de Sarriá, en Barcelona, ou que Sarriá de Ter, en Girona, e veu agora a informática cos seus automatismos a meternos un til guerrilleiro enriba do último a, deixándonos coa boca aberta cando ata a documentación saída da Xunta de Galicia nos regala Sarriá-Sarriá-Sarriá a punta pala. Recentemente lese nunha publicación da Ribeira Sacra o seguinte titular «A autovía de Sarriá a Monforte», e xa con iso chegamos á conclusión de que nos queren catalanizar a marchas forzadas. O caso é que Sárria (con til riba do primeiro a) foi unha constante de uso xeneralizado, tendo referencias que van 1840 a 1954, nas que organismos, autoridades, industriais escribían Sárria. Especial mención merece a extinguida Confitería Matías Loureiro, que na súa publicidade mantivo entre 1932 e 2004 un Sárria (Galicia) que fala de que o nome de La Sarriana o levou con orgullo e enxebreza. Na composición que se acompaña vense referencias documentadas ó longo de máis de 150 anos. E como agora o tratamento informático nos conduce unha e outra vez a que aparezca Sarriá, teimudamente, é urxente recuperar o xeito de artigo consagrado, porque de non facelo con urxencia ata nós mesmos acabaremos catalanizando o nome diante da machacona insistencia dos medios de comunicación, os falantes alleos á localidade e a mesma maraña administrativa xurdida da Xunta de Galicia. Non somos o catalán Sarriá, con til no último a, nin somos a Sarría navarra ou eskalduna, co til rina do i, somos Sárria con orgulloso chorro de voz enriba do primeiro a, e por iso, pouco a pouco, en diversas publicacións imos recuperando a nosa grafía propia, diacrítica, diferenciadora e definidora. Os de «Becerrea» En Becerreá teñen o mismo problema, pero neste caso é o revés, pois moitos se refiren a Becerrea, sen til, a Sarriá, con til. Do mesmo xeito que nos andan amolando co alto de César, cecais de César Augusto, no canto do propio e axeitado Cesar, proliferan os Sarriá, que temos que ir rexeitando, tanto na fala como na escrita, pois corremos o perigo de que en poucos anos se enquiste o til onde non debe, e a Sárrea medieval, a Vilanova de Sárria e a Pobra de Sárria, teremos que referilas a Catalunya, e non a esta nosa Galicia. Somos Sárria con todas as consecuencias. Temos moi boas relacións co distrito barcelonés de Sarriá Sant Gervasi, sabemos de Sarriá de Ter, de Sarriá de Dalt, de Callosa d'en Sarriá e do Sarriá balear, e porque nos respectamos e somos e nos sentimos diferentes temos que escribir Sárria, e facer diaria e constante reivindicación da correcta pronuncia do nome da nosa vila, do noso concello, do noso río.