Un nugallento ano sabático

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Olvido institucional da figura do cronista en Sarria

12 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Na primavera do ano 1944, a petición das asociacións culturais de Sarria, o Concello acordou instituir a figura do cronista oficial. Moitos anos antes don Diego Pazos, don Francisco Vázquez Saco, don Antonio Peña e don Luis Macía viñeran dedicando tempo o coñecemento e difusión dos valores propios de Sarria, dándolle proxección através de publicacións, da prensa, ou do simple maxisterio en tertulias de prestixio. Esa encomenda, mal que ben vaise levando adiante, dedicándolle algo do tempo de lecer aos labores de recopilación de datos, recollida de publicacións, formación de inventarios gráficos e literarios, publicación de boletíns, soltos de prensa, realización de libros e correspondencia con numerosos interlocutores interesados por temas relacionados co presente e pasado da historia de Sarria. Man a man cos responsables municipais de Cultura, don Francisco Miranda, dona Fe Vázquez e dona Elena Corujo, e os seus alcaldes, a crónica de Sarria estivo aberta a iniciativas e ensalzamento de actos ou persoas arraizadas no noso andar. E tampouco son alleas a este labor a colaboración e axuda de don Amando Losada á hora de salvar a memoria escrita e documental do noso pasado. Tamén houbo unha activa presencia no labor imposto desde Sarria a prol da recuperación e potenciación do Camiño de Santiago, no que amparado no coñecemento desta temática e na importancia do feito xacobeo en Sarria, o cronista tomou parte en numerosas sesións de traballo, facendo oír razóns e opinións que serviron para que Sarria fixese valer a súa privilexiada situación, seguindo a fenda aberta polos xacobitas Vázquez Saco e Elías Valiña Sampedro. Actos protocolares, conferencias, aula de historia comarcal, traballos de investigación, e media ducia de libros en perspectiva, un arquivo comarcal, colaboración na difusión dos valores culturais e turísticos da zona, foron e son outras tantas frontes nas que a crónica está presente. E todo iso, coa honrosa retribución e paga da subscrición gratuita a un xornal de difusión provincial. Foron dez anos de actividade fructífera, escasamente valorada e, por oficializada, sometida a abalos e debalos, transicións, atrancos e néboas, e a ter que tragar de cando en vez con decisións que se se tivesen sometido a unha simple consulta oral, non daría lugar a curiosas albardadas que, desde a crónica, se toman con resignación, sen xenreira e como a mostra de que a estulticia non coñece graos nin categorías. Feito o balanzo de dez anos, metidos de cheo na arañeira de sirgo das Penélopes de turno, andamos nun nugallento ano sabático, con visos de prolongación indefinida, no que se aprecia con ter ben poucas luces, como tocan agora actitudes de aparcamento ou peche de ollos institucional, que supoñen pura e simplemente que a crónica non teña hora nin lugar, ou cando menos non se ten dado proba de iso, nos planos de actuacións,non sendo a colaboración motivada na amizade cos funcionarios. Dez anos son escasa perspectiva e no entanto, ollarse na beirarrúa, cando se pode e debe aportar aquelo para o que se está cualificado e para o que se está chamado pola mera continxencia do pousafolismo ou a nugalla feridora, non é estímulo que axude a unha colaboración franca, aberta e desinteresada, que é marca e sinal de toda crónica. Esta é a realidade de hoxe. Mais como por riba de actitudes persoais deben estar valores e principios, a crónica seguirá adiante, porque o arquivo comarcal debe ser unha realidade, porque o estudo e coñecemento da documentación non deben parar e porque en ningún momento se ten pretendido privilexio ou amparo particular ningún, nin poñer en xogo privativismos, senón que só se fai cumprir coa obriga imposta polo mandado. E isto no íntimo convencemento de que non hai enrocamento no taboleiro, e que nos se precisa da crónica, ou hai teima en poñer teas maranatas, non hai máis que dicilo. O día de hoxe todos andamos co móbil na orella.