OPINIÓN | O |
08 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O DÍA 3 de maio deuse un feito que vai cambiar a vida de 20.000 lucenses e de 80.000 galegos, unha minoría bastante grande que somos o colectivo de cazadores. Unha xuíza dictaminou que os cazadores de Castroverde e, a partir de agora os de Lugo e os de Galicia, somos os responsables dos danos causados polas especies de caza. Debido a unha sentencia que nos obriga a pagarlle a un agricultor case tres millóns das antigas pesetas polos danos do xabarín nunha finca de millo (e esta foi só a primeira, porque xa temos máis demandas pendentes e virán moitas máis) temos hipotecado o noso futuro e fainos estudar a nosa desaparición como sociedade. Xa levamos anos sendo responsables dos danos aos vehículos nas estradas por atropelos de xabaríns e corzos, de tal xeito que xa é moi difícil atopar unha compañía que nos asegure e agora temos que cargar tamén co que fagan os animais salvaxes nos cultivos. Quizais debido ós abandonos de moitas explotacións gandeiras no agro galego, o monte xa case é selva. Nunca tantas toxeiras e silveiras houbo, os vellos camiños de carros, as corredoiras, as fincas, as carballeiras, están pechos de maleza. Neste entorno tan favorable, as poboacións de xabaríns e corzos multiplícanse, cada ano que pasa hai máis e necesitan comer, e comen, comen onde poden, e cantos máis hai, máis comen, e como no monte-selva pouca comida poden atopar, non dubidan en entrar nos cultivos do home e con máis facilidade se non atopan barreiras neles. E agora fannos responsables ás sociedades de cazadores disto. A nós, que nin soltamos xabaríns nin corzos, nin os criamos, nin melloramos o seu hábitat para que se podan reproducir mellor, nin podemos impedir de ningún xeito que entren nos cultivos e que só podemos cazar unha cota máxima e uns días previamente fixados. O coto de Castroverde probablemente desapareza, e se este ano había douscentos xabaríns e mil corzos, o ano que ven haberá moitos máis, e comerán moito máis, e os danos serán moito maiores, pero nós xa non seremos os responsables porque non haberá sociedade de cazadores de Castroverde. E por si os agricultores non o saben, son pezas de caza: o xabarín, o corzo, o raposo, as gaivotas, os estorniños, as pegas, os corvos ... e, a partir de agora, poden reclamar os danos que causen todos eles. En fin, o dito antes, abriuse a veda, o acoso e derribo ... do cazador galego. Parece que se están abrindo as portas para que nos extingamos e veñan a aproveitar os nosos recursos cinexéticos de máis aló das nosas fronteiras, co permiso da Administración, federacións e asociacións. Oxalá me equivoque, pero nós xa estaremos fóra.