O consorcio afirma que en primavera comezarán a construirse unha rede de saneamento e paseos fluviais A segunda e definitiva fase da sede da órgano local empezará en maio
14 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?s responsables do Consorcio dos Peares confían en que na próxima primavera -en maio ou xuño- comece unha das obras máis necesarias e esperadas na localidade, que foi precisamente un dos principais motivos que impulsaron a creación desta entidade. O proxecto de construcción dos servicios de saneamento para os catro barrios dos Peares xa foi adxudicado e contará cun orzamento aproximado de 450.000 euros. A peculiar orografía da localidade, segundo explica o presidente do consorcio e alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, obrigará a realizar unha importante obra complementaria para poder levar a cabo o proxecto. A fin de evitar que os colectores queden demasiado cerca do río, haberá que levantar uns muros de contención ó longo duns 300 metros das marxes, cunha altura media de 2,5 metros. Nas zonas máis problemáticas das beiras do Miño e do Búbal, os sumidoiros construiranse por riba destes muros, que ademais serán aproveitados para acondicionar paseos fluviais. O custo desta obra será de en torno ós 480.000 euros. O proxecto completarase coa construcción dunha estación depuradora que custará sobre 108.000 euros e que será financiada pola Deputación de Ourense. Seoane calcula que todas estas obras durarán en torno a un ano. Oficinas e vestiarios Por outro lado, para maio deste ano tamén está previsto iniciar a segunda fase da construcción da sede do Consorcio dos Peares, que terá un presuposto de 108.000 euros. Na primeira fase, executada hai xa máis dun ano, investíronse máis de 120.000 euros. A construcción do edificio, indica Manuel Seoane, é de especial importancia para Os Peares polo feito de que albergará o primeiro centro administrativo común desta complexa localidade dividida en dúas provincias e catro municipios. Pero a sede terá ademais outros utilidades. Dos dous andares que terá o edificio, o superior reservarase para oficinas e sala de reunións. O primeiro piso terá diversos usos sociais que aínda falta determinar. E no soto ubicaranse uns vestiarios que servirán de complemento á praia fluvial habilitada desde hai dous anos na zona, polo que axudarán ó seu aproveitamento como espacio de ocio e de turismo.