Papá Noel cultural

LEMOS

A TRIBUNA | O |

23 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

SEN DÚBIDA xa son bastantes as cousas que cambiaron en Monforte desde que os resultados das eleccións municipais propiciaron unha brusca e profunda mudanza no goberno local. Tales cambios -que, claro está, poden ser obxecto de análises, opinións e discusións para todos os gustos- parece que se estenden tamén á xestión das festas de Nadal. A nova orientación xa se percibiu na praza de España, onde nos últimos anos era habitual ver por estas datas unha especie de trono ou escenario de rechamante decoración que servía de base á materialización de Papá Noel ante nenos e maiores. Para desconcerto de todos, chegou a Noiteboa sen que aparecese na praza o célebre trono. Parece que o encontro co entrañable barbudo de traxe colorado non será esta vez na praza, senón na Casa de Cultura. Así, os que non teñan moito que facer durante as festas poden distraerse elucubrando sobre as causas deste brusco cambio. ¿Acaso o que se pretende é dar a Papá Noel unha dimensión máis cultural e menos populista? ¿Ten isto algo que ver coas novas directrices ideolóxicas do goberno local? ¿Ou é para que os nenos non papen moito frío?