«Monforte discrimina ós da aldea»

La Voz L. D. | MONFORTE

LEMOS

Entrevista | Antonino Luaces Díaz

18 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Ten 39 anos e é o único veciño da Santa Mariña que vive exclusivamente dos seus ingresos como agricultor. Na elección democrática dos pedáneos, que se fixo por vez primeira en Monforte tralas últimas eleccións municipais, foi designado representante da súa parroquia no Concello. -Foi unha das cousas máis importantes que pudo facer o Concello. Por primeira vez o pobo elexiu os seus representantes. Bós ou malos, pero os seus, non un amigo do alcalde de turno. O pedáneo ten que selo do pobo, non dun partido para o que vende favores, como pasaba antes. -¿Qué foi o primeiro que lle prantexaron os seus veciños para que mediase ante o Concello? -Temos moitas carencias, pero unha das primeiras cousas que fixen foi tocar o tema do accesos ás casas. Moitas aínda teñen camiños de terra e no inverno coa auga póñense moi mal. -¿Teñen saneamento? -Chegou a traída de auga, o saneamento aínda non. É un dos problemas que se prantexan, pero supón unha obra grande, na que intervén a Xunta, e somos conscentes de que leva tempo facela. -¿Valora algún feito do novo goberno? -Arranxáronse algúns accesos e o local social na antiga escola. Penso que é moi importante a nova ordenanza que regula as prantacións forestais. -¿Por algún motivo en especial? -Á xente gústalle a aldea, pero non admite o que supón vivir nela: os malos olores, que lle pasen por diante da casa coas vacas... Fai falta ordenar o territorio, establecer onde vai o cultivo ou as repoboacións e onde se pode edificar. -¿Ten a xente do campo conciencia ambiental? -Compría algo máis de información das institucións, e posiblemente tamén de colaboración pola nosa banda. -¿Cantos veciños son na Santa Mariña? -Hai sesenta veciños, pero somos unha especie en extinción. Nuns pocucos anos quedará todo o que era o pobo vello en ruínas. -Non é moi optimista sobre o futuro das zonas rurais. -Fai falta que a administración tome interese. Fanse prantexamentos en oficinas, pero cada concello, cada parroquia ten as súas prioridades e o que vale para Sober non vale para nós. O campo leva moito tempo levando golpes moi gandes. Xa é hora de que a administración subvencione todo aquelo que axude a facer unha agricultura máis competitiva e rendible. -¿Agora non compensa? -Cada vez menos. Hai quince anos o quilo de carne cotizábase a 700 pesetas e hoxe andará polas 650, pero o saco de pienso subiu un peso en quilo, o gasóleo xa non digo... -Queda o recurso dos que veñen de fóra. -Na Santa Mariña o pobo vello morre e no novo xa hai casas que se venden. Os que tiveron que marchar fóra a gañar o pan volven, pero cando eles non estean moitos fillos deixarán de vir á casa. -¿As xentes das parroquias síntense de Monforte ou vense desprazadas? -Quizá se vexan como monfortinos, pero un pouco de esgueira. A xente da vila parece que discrimina algo ós da aldea, aínda que o seu futuro pasa por un desenrolo agrario. A Monforte sen aldeas non lle espera moi bó futuro. Os que se adican ó leite ou á carne xeneran un movemento económico máis importante que moitas pequenas empresas de Monforte.