A TRIBUNA | O |
26 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.NADA MENOS que un 45% dos veciños de Sober ten hoxe máis de 65 anos de idade. A este municipio correspóndelle actualmente o posto máis avanzado no proceso de envellecemento demográfico que afecta a todo o sur lucense, pero os outros non presentan mellores perspectivas: un 42% en Pantón, un 41% na Pobra do Brollón, un 39% no Courel, un 37% no Incio e Bóveda... Ante estas cifras, o menos que cabe preguntarse é quen se vai encargar, daquí a uns poucos anos, de cultivar viñedos, criar gando subvencionado, atender casas de turismo... en fin, esas poucas actividades que hoxe por hoxe son practicamente as únicas que se lles ofrecen -ademais de emigrar a Canarias ou Andorra- aos habitantes das zonas rurais do interior lucense. É certo que o proceso de despoboamento e de envellecemento demográfico das zonas rurais é unha cuestión moi complexa que ven xa de moi atrás. Ora ben, habería que recoñecer que os resultados de todo canto se leva feito nos últimos tempos para corrixir esta situación son bastante pobres. Por non dicir paupérrimos. Despois de ter pasado por vintecinco anos de réxime democrático e despois de ter recibido tantos cartos dos fondos europeos de desenvolvemento, as escusas que se poidan esgrimir para xustificar unha situación como esta xa non son tan admisibles como poderían selo noutro tempo. Non é de recibo que aquí siga habendo tantos lugares onde o único futuro que se albisca é un futuro de asilos xeriátricos, cemiterios e aldeas deshabitadas.