As obras da estación científica do Courel comezarán no 2004

Francisco Albo
Francisco Albo FOLGOSO DO COUREL

LEMOS

RAFA PRADO

O proxecto definitivo do futuro centro estará acabado en decembro O orzamento sufrirá unha reducción dun 20% a un 25% con respecto ó previsto inicialmente

18 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

?s obras de construcción da estación biolóxica de Seoane do Courel comezarán o ano próximo se se cumpren as previsións da Universidade de Santiago, que en decembro disporá do proxecto definitivo do centro, adaptado á nova normativa da Lei do Solo. O catedrático Javier Guitián, futuro director da estación, confía en que o novo proxecto supoña unha reducción presupostaria de entre un 20% e un 25% con respecto ó proxecto inicial. Desta forma, o orzamento das obras baixaría dos 800.000 euros inicialmente previstos a uns 600.000, co cal resultará máis fácil conseguir o financiamento necesario. De acordo coas previsións iniciais, o primeiro proxecto da estación científica -presentado ó Concello do Courel en maio do 2002- xa debería estar practicamente executado na actualidade, de forma que o centro puidese estar en funcionamento no 2004. Estas expectativas non se cumpriron debido, por unha parte, á entrada en vigor da nova Lei do Solo, que modificou as condicións de edificabilidade da zona e obrigou a efectuar unha importante revisión do proxecto. O aprazamento do inicio das obras debeuse tamén ás dificultades de financiamento, xa que a asociación Río Lor, que en principio ía achegar entre un 65% e un 70% do orzamento de execución, recibiu menos diñeiro do que se esperaba para sufragar este e outros proxectos incluídos no plano Leader Plus. Unha vez termine a revisión do proxecto, a Universidade de Santiago e a Río Lor estudiarán a cantidade que lle corresponderá achegar a esta asociación e que en calquera caso resultará moito máis modesta que a que estaba prevista ó comezo. Para completar o orzamento, os responsables do futuro centro esperan conseguir axudas económicas da Xunta e quizá tamén doutras institucións. Estas negociacións levaranse a cabo a comezos do próximo ano. Javier Guitián declárase optimista a este respecto e espera que as obras poidan comezar antes do verán. O prazo de execución será de aproximadamente un ano. .