A vendima do 2003 quedará plasmada nun concurso fotográfico O consello regulador e os adegueiros convocan o certame, que estará aberto ata o 30 de outubro
19 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.? paisaxe vitícola da Ribeira Sacra -que Ramón Otero Pedrayo cualificou no seu día de heroica- é sen dúbida un activo fundamental á hora de promocionar os viños da denominación de orixe. Baseándose nestas consideración, o consello regulador e a Asociación de Adegueiros convocaron por primeira vez un certame fotográfico que ten como tema único a vendima do 2003 no ámbito desta denominación. A imaxes que se presenten ó concurso servirán para montar unha exposición que acompañará á próxima Mostra dos Viños da Ribeira Sacra e que posiblemente se exhiba tamén noutros lugares e noutras datas. «Trátase de destacar a riqueza paisaxística da Ribeira Sacra e o esforzo da xente que cultiva a uva, que evidentemente son máis visibles no tempo da vendima», sinala José Ramón Martínez Mareque, xerente da denominación. O gañador do primeiro premio do concurso será galardonado con 600 euros e o segundo, con 300 euros. As bases establecen ademais tres accésit de 100 euros cada un. Os concursantes poderán presentar un máximo de doce fotografías e un mínimo de catro, en branco e negro ou cor. As imaxes terán que ser totalmente inéditas, non publicadas nin premiadas en ningún outro certame. Os traballos deberán presentarse en formato de 13 por 18 ou de 20 por 25 centímetros. As fotos non poderán ir montadas nin reforzadas con cartolina ou con passe-partout. Tampouco se admitirán montaxes de imaxes nin fotografías manipuladas con medios dixitais. Os concursantes poden enviar os seus traballos, asinados con seudónimo, ata o 30 de outubro á sede do consello regulador, acompañados dun sobre pechado onde terán que incluír os seus datos persoais. O fallo do xurado darase a coñecer o 10 de novembro.