Cepas e letras de San Fiz

La Voz

LEMOS

Terra adentro Adegas Amedo presentou onte en Chantada o seu novo viño, «Pero Bernal», e unha obra do escritor Xosé Lois García sobre as tradicións vitícolas locais

23 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

As instalacións de Adegas Amedo en Chantada foron onte escenario dunha dobre presentación. Por unha parte, deuse a coñecer o viño Pero Bernal , a nova etiqueta da firma, elaborada con cepas de San Fiz. Ó mesmo tempo presentouse o libro Adegas Amedo na tradición dos viños de San Fiz , editado por iniciativa desta mesma casa. No acto estiveron presentes -por suposto- o xerente de Adegas Amedo, José Gay , e o autor do libro, o escritor chantadino Xosé Lois García , xunto co enólogo Julio Ponce , responsable do novo viño. Tamén estiveron por alí Manuel Lorenzo Varela , alcalde de Chantada, José Manuel Rodríguez , presidente do consello regulador de Ribeira Sacra, o poeta Pablo Rubén Eyré , os ex concelleiros de Cultura de Chantada e Sober, Susana López Abella e Luis Fernández Guitián , ademais dos portavoces municipais do BNG e do grupo Independentes por Chantada, Carlos Fernando Varela e Xosé López , entre outros moitos convidados. O novo viño -poido dicilo por experiencia- non se esquece facilmente. En canto ó libro de Xosé Lois García, confeso que aínda non o lin, pero pola ollada que lle dei véxoo do máis interesante. Moi diferente é o libro Crónica negra del «Prestige» , de Luis Gómez e Pablo Ordaz , que tamén foi presentado en Chantada a pasada fin de semana. Neste caso, o acto consistiu nunha cea que contou coa presencia dos autores e que foi organizada pola sección local da plataforma Nunca Máis. A Asociación de Familiares e Afectados de Alzhéimer de Monforte (Afamon) continúa as súas campañas de concienciación sobre esta doenza. A iniciativa foi presentada onte pola psicóloga desta asociación, María Lillo Montes , e polo tesoureiro do Cineclub A Calexa, Ángel Arnaiz . Consiste na proxección da película Iris, que poderá verse mañá nos multicines Hollywood ás 23 horas. O filme está baseado na vida da escritora británica Iris Murdoch, víctima do mal de Alzheimer. Non estará de máis seguir o exemplo do cineclub e botarlle unha man a Afamon indo a ver esta película.