La ex conselleira, que onte cumpriu 62 anos, di que é razoable que Orozco esixa que se cumpran os proxectos que ela presentou durante a campaña electoral
26 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?ez mil votos de diferencia entre o PSOE e o PP a favor dos socialistas na cidade de Lugo é unha situación histórica. Manuela López Besteiro, que onte cumpriu 62 anos, abandonou a consellería máis xenerosa á hora de repartir fondos e crear emprego para loitar contra o efecto Orozco. -Os lucenses optaron pola maioría absoluta de López Orozco. Feliciteino e a democracia é así. -Pero vostedes apostaron forte na campaña, con moitos proxectos. -Confiaba nunha resposta máis alta ás nosas propostas. Fixemos unha campaña limpa, explicando o noso proxecto , que deseñaba un Lugo distinto do que temos. Apostamos por unha maneira diferente de xestionar o Concello. -Orozco di que vai reclamar tódalas inversións prometidas polo Partido Popular durante a campaña. -É razoable, pero esas propostas puido facelas el. Eu póñome a disposición dos intereses de Lugo, porque asumín compromisos con tódolos lucenses. -Pero o alcalde di que pensa levala do brazo a Madrid para conseguir os proxectos presentados. - (Ri) Que non se preocupe, que ninguén me ten que levar do brazo. Son proxectos que temos que procurar tódolos lucenses, incluídas as forzas sociais. Pero sigo a pensar que perdemos o tren e se paralizou a xestión. -Agora vai estar catro anos de edila na oposición. -Sempre dixen, xa cando estaba na consellería, que apostei pola miña cidade. E os lucenses dixeron o que tiñan que dicir. Afronto esta nova etapa con tranquilidade. Analizaremos os resultados mesa por mesa para ver qué resposta tivemos. Iso non se fai en quente nin en dous días. A partir de aí, tentaremos mellorar. -¿Como valora a maioría do PSOE e o descenso do BNG? -Houbo unha capitalización do BNG por parte do PSOE. Os nacionalistas estiveron escurecidos polo protagonismo do alcalde. -¿Está de acordo co diagnóstico de que o PP en Galicia sufriu un desgaste? -Relativamente. As situacións foron dispares, no que representa ós pactos entre PSOE e BNG. Xa pasou máis veces. Quizá as manifestacións estremas da guerra e do Prestige xeraron un movemento que fixo que para o votante primase o corazón máis que a cabeza. Houbo unha certa resposta emotiva. -Na provincia, o PP pode perder alcaldías importantes. -Son eleccións municipais, non provinciais, e as respostas foron puntuais. Hai factores diferentes, e cada concello é un mundo. -Algunha satisfacción lle reportaría a campaña electoral. -Pois o contacto e o agradecemento cos colaboradores e os membros da candidatura. Doulles as gracias ós que nos votaron e tamén ós que non.