Susana, contexto e precisións

La Voz

LEMOS

A TRIBUNA LUIS EYRÉ | O |

16 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NA VOZ DE GALICIA do martes, informábase duns pasquíns difundidos en Chantada sobre a opinión de Susana Lopez Abella a respecto da guerra do Iraq e criticábase ao autor dos pasquíns nunha Tribuna, por firmar cun número de DNI e non co seu nome. Como o autor material dos pasquíns son eu, direi que se non firmei co meu nome foi porque o relevante era a frase da diputada do PP publicada nun xornal de Compostela, e non a autoría de quen se limitou a fotocopiar e a engadir un breve comentario -que tras 22 días de invasión no Irak, nada ten de orixinal-. Como reprobo o anonimato tanto como calquera, puxen o meu número de DNI para non privar a Susana do dereito a contestar, correxir ou reclamar o que estime pertinente. Da precisión de Susana Lopez decindo que a súa afirmación: «La de Irak es una guerra justa, como la de Polonia contra Hitler o la de Finlandia contra Stalin», foi sacada de contexto polo cronista parlamentario, só se pode dicir que ese non é máis ca un manido recurso de cultura política de prêt-à-porter. De filósofos como Michnik, citado na precisión como argumento de autoridade seguro que Susana sabe que o contexto axuda a entender o ambiguo, pero unha afirmación tan explícita, case pornográfica, ou foi dita ou non, asúmese ou non se asume. Por outra parte, o contexto real no que a diputada do PP utilizou a frase reproducida nos pasquíns non foi outro que a súa intervención parlamentar opoñéndose a unha iniciativa do PSOE que pedía a condena da invasión do Iraq. E pedíana, entre outras cousas, polo asasinato en Bagdag do xornalista galego Xosé Couso. Por último, comprendo, pero para nada quero aliviar, as dificultades de Susana para soportar en Chantada o coste de actuar en Compostela como fiel escudeira do goberno.