«Musicalmente, O Courel é outro mundo»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O controvertido director da Real Banda de Gaitas de Ourense prepara xa a terceira edición da colección que tenta perpetuar a memoria musical do Courel

08 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

?osé Lois Foxo medrou escoitando música de gaita. «Era a única que se oía na miña aldea de Romeor e en todo O Courel». Así enténdese máis facilmente a súa evolución posterior. Protagonista absoluto da controversia entre os gaiteiros tradicionais e as agrupacións criadas á imaxe da súa Real Banda da Deputación de Ourense, Foxo acostuma a recargar baterías no Courel. Agora prepara a terceira entrega da súa recopilación das «Músicas do Caurel», unha serie de publicacións en libro e en CD na que el pensa como o último testemuño posible dos tempos nos que cada aldea da serra había un gaiteiro. -¿Está feito xa o groso do traballo de recopilación das músicas do Courel? -Aínda queda. No terceiro volume ímonos centrar en Oencia, na parte leonesa da serra, e tamén no Cebreiro e incluso en Lóuzara. -¿Que ten de especial esta música? -Aquí consérvanse cousas que non se conservan en ningún outro sitio. Os brindos, os cantares da Bouza. A estructura das cancións é moi especial. A música do Courel é melismática, ondulada, comparable, por exemplo ó canto gregoriano. Os brindos son o máis distinto. Son cantares improvisados, pero diferentes ás regueifas. O brindo cántase das vodas, e ten unha variante que son as loias, que son cancións de loanza. Músicalmente, O Courel é outro mundo. Hai non tanto tempo, cada pobo tiña o seu gaiteiro. Eu crieime escoitando tocar ós gaiteiros. -Iso acabouse. ¿Ou aínda non? -Hoxe non se canta, non se crean cancións. Case está mal visto que alguén cante cando saca o gando ó monte. Cando antes iso era algo que formaba parte da aprendizaxe, da educación de cada un. Prácticamente, era máis importante aprender as coplas dos cegos que o silabario na escola. Esta é a última oportunidade, o último elo. Porque aínda queda xente, de 60 anos para arriba, que nos ofrece moita información. No Courel creouse moita literatura musical no século XIX, e hoxe aínda quedan herdeiros de todo aquilo. Por exemplo, a familia Fernández Gancedo, de Romeor, que ten a nai, de 90 anos xa pero que aínda canta, e o seu fillo maior, de 60, que compón sen saber a teoría musical necesaria para compoñer. Grava as cancións e eu transcríbollas. Ese home vive enteiramente dedicado á música, coma unha especie de Beethoven. Se hoxe non poñemos todo iso sobre o papel e nos discos, xa non teremos ocasión de facelo. E isto é o que vai quedar. Nós desapareceremos, e incluso a crise poboacional pasará a historia. Pero isto vai quedar como un referente europeo de reserva cultural. -¿Como responde toda esa xente ó seu interese? -O bo de traballar no Courel é que todo o mundo me axuda. Aínda hai pouco me chamou un señor de 98 anos para que lle recollese un cantar de cego do que se acababa de lembrar. Díxome: "Mira, non me daba acordado e por fin me acordei". As publicacións e o festival anual do Filandón, o que organizamos cada ano cos grupos e cantareiros do Courel, danlle aprecio a toda esa xente. Dálles vida. É un recoñecemento que antes nunca tiveran, e que eles agradecen. -¿Cal é a explicación da riqueza musical do Courel? -O aillamento xeográfico. Cando eu estudiaba no seminario de Lugo nos anos sesenta, ir ó Courel era algo tremendo. Hoxe, O Courel é un referente de moitas cousas, de cultura popular, de turismo rural... Pero ata hai pouco era un finisterre. Pensemos onde se conservou a gaita en Europa. Nos finisterres, en Bretaña, en Irlanda. Porque foron os sitios ós que non chegou tanta influencia da música culta. Por poñer un exemplo, o folclore do Tirol consiste poouco máis ou menos en vestir coma se vestía en tempos en París, e en tocar o violín. Iso non pasa nos finisterres. -¿Atopou algunha semellanza entre estas músicas e as doutros países? -Afortunadamente, os libros e discos de «Músicas do Courel» estanse estudiando en moitos conservatorios de Europa. E pola súa rareza xeran moito interese. Gracias a isto, e tamén a que ó Filandón adoitan a vir estudiosos de toda Europa, podemos comparar. E si, hai semellanzas curiosas. Hai pouco, chamoume un musicólogo de Hungría para dicirme que acababa de atopar un cantar de recolleita que é igual que a Marcha do Courel. Son coincidencias, coma as que hai entre a muiñeira e a tarantela italiana, por exemplo, que teñen unha explicación. Ata o século XIX, o dúo de gaita máis chirimía (unha variante da frauta) foi típico de toda Europa. En Galicia ese modelo de formación desapareceu. Pero quedan pegadas documentais, como a das pinturas do século XVI que apareceron hai pouco na igrexa de Proendos, en Sober. Aqueles eran músicos ambulantes que levaban as súas cancións por toda Europa. Así que é normal atopar músicas semellantes en lugares moi afastados entre si.