? PSOE de Sarria anunciou que o seu programa de goberno para as próximas eleccións municipais incluirá a construcción dunha circunvalación para a vila e a conexión do polígono industrial cunha autovía. Os socialistas afirman que esixirán a realización destes proxectos ó equipo que ocupe o goberno municipal despois dos comicios, independentemente dos resultados que obteñan nos mesmos. Por outro lado, o PSOE sarriao congratúlase de que a Plataforma C-546 decidise sumarse á campaña de recollida de sinaturas promovida polo Concello para demandar a construcción dunha autovía entre Nadela e Sarria. Esta adhesión, ó seu parecer, supón que «a maioría da sociedade sarriá ten demostrado o seu aopio á esixencia de que a Xunta constrúa a autovía xa». Os socialistas, asimesmo, esixen á Política Territorial que modifique con carácter urxente o proxecto exposto publicamente, convertendoo de corredor en autovía. Críticas a Rodríguez Os socialistas sarriaos, por outra parte, critican o estado da sinalización horizontal da estrada C-546, que ó seu xuízo supón «un perigo constante» para os usuarios do vial. A este respecto afirman que o portavoz do PP, Fernando Carlos Rodríguez, visitou a algúns dos veciños de Vilar de Sarria que viven nas zonas afectadas pola «defectuosa sinalización» da estrada coa finalidade de prometerlles «a solución puntual de ditos problemas». O PSOE acusa a Rodríguez de manter neste asunto unha «actitude caciquil» que, na súa opinión, «demostra o que entende o PP, ou ó menos algún dos seus membros más destacados, por política de igualdade».