«O sistema de cotas lácteas hoxe é necesario»

Carlos Cortés chantada

LEMOS

Mariano López Nieves di que a desaparición da cota prexudicaría ós gandeiros e alerta dos efectos da reforma da política agraria europea.

23 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Mariano López Nieves di que Galicia e o resto das comunidades autónomas da cornisa cantábrica teñen que facer frente común para defender os seus intereses no proceso de reforma da Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea. Por exemplo, para que cheguen ós gandeiros de Monforte e Chantada os 2,5 millóns de euros que lles corresponderían se tódalas vacas de carne destas comarcas cobrasen as primas ás que teñen dereito. -A Unión Europea estudia o cambio do sistema de cotas lácteas. ¿Que propón Unións Agrarias? -Nós estamos por que se manteñan as cotas polo menos ata o 2015. Temos en conta que os gandeiros galegos teñen feito un investimento moi importante na compra de cota, e que a desaparición deste sistema suporía a chegada de leite de fóra a prezos moi baixos. Así que pensamos que o sistema de cotas lácteas hoxe é necesario. -¿Que impacto terá nesta parte da provincia a reforma da PAC? -Se a reforma segue empregando como base ós chamados cobros históricos, que non reflicten a realidade da producción gandeira galega, as explotacións das comarcas de Monforte e Chantada deixarían de ingresar case 2,5 millóns de euros por primas de sacrificio, cebo e vaca nutriz. -¿Cal é a súa alternativa? -Unións Agrarias ten elaborada unha alternativa á erforma da PAC tal e como se está plantexando. E botamos en falta que a Xunta faga a súa propia proposta, e se coordene coas comunidades autónomas do cantábrico. Pensamos que esta é a derradeira oportunidade para compensar o desaxuste histórico entre as cifras oficiais e a realidade do campo galego, e para lograr que as subvencións multimillonarias da UE cheguen realmente ás explotacións agrarias galegas.