«O mellor que pode traer o Leader Plus é máis emprego»

Francisco Albo monforte

LEMOS

Para o novo integrante da xunta directiva, a creación de postos de traballo e de actividades xuvenís son necesidades prioritarias

17 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Rubén Moure, estudiante de segundo curso de BAC, acaba de ingresar como vocal na xunta directiva do grupo de desenvolvemento local Ribeira Sacra, que xestiona o Leader Plus nos concellos da zona. Desde hai seis anos pertence á asociación xuvenil Os Estraloxos, que preside na actualidade. O colectivo foi creado en 1986 polo párroco de Vilar de Ortelle, en Pantón. -¿Qué iniciativas pode aportar a súa asociación ó grupo Ribeira Sacra? -Traballaremos principalmente no terreo das actividades xuvenís, pero aínda non sabemos como funcionará este organismo. Hai moi poucos días que soubemos que entraríamos a formar parte da directiva. Esperamos que nas próximas reunións se nos informe máis a fondo sobre o sistema de traballo. Todavía non sabemos cando será a segunda reunión. -¿Cales consideran que son as necesidades prioritarias da poboación xuvenil desta zona? -Nós pensamos que o que fai falta é organizar máis actividades de todo tipo, como as recreativas, culturais ou deportivas, para que a xuventude teña máis oportunidades de unirse e de facer cousas conxuntamente. Nesta zona hai unha necesidade importante de actividades, sobre todo no que respecta ós xoves que viven nas zonas rurais. -¿Que cren que pode traer o Leader Plus ós municipios do grupo? -Cremos que será moi positivo para estes municipios e o mellor que pode traer é a creación de novos empregos. De feito, un dos requisitos que se lles esixirá ás empresas que se funden coa axuda do Leader é que proporcionen novos postos de traballo, sobre todo para os xoves e as mulleres.