«Esta provincia é unha reserva paisaxística imponente»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

O artista prepara unha retrospectiva do movemento que contribíu a fundar a comezos dos anos oitenta e reivindica a influencia da terra nativa nas súas obras

12 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Catro exposicións abertas simultaneamente en diversos puntos da Península -Vigo, Cáceres, Valencia, Cataluña- dan fe estes días da intensa actividade que desprega o pintor monfortino. Antón Patiño está preparando ademais a exposición inaugural do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, que abrirá as súas portas o mes próximo cunha ampla retrospectiva do grupo Atlántica, un movemento fundado por el e por outros artistas novos a comezos dos 80 que transformou o panorama cultural galego. -¿Que queda hoxe en día do pulo renovador de Atlántica? -Eu creo que Atlántica virou totalmente a plástica galega. Foi unha iniciativa que comezou sen contar con ningún medio e conseguiu que por primeira vez se falase da arte galega fóra de Galicia. Non era un colectiv homoxéneo e surxiu dun xeito instintivo, da necesidade de darlle unha dimensión universal á nosa arte, mantendo os lazos co mellor da nosa tradición. Os nosos antecedentes estaban na Xeración Nós e quixemos aclimatar ese legado ó noso tempo sen caer na mitificación beata. Con ese espírito naceron tamén a revista Loia , na que participei en Madrid con Lois Pereiro, Manuel Rivas e Fermín Bouza, e o grupo Rompente de Vigo, co que colaboramos Menchu Lamas e eu. Os artistas de Atlántica son os que hoxe teñen o protagonismo público na arte galega, pero tamén é normal que haxa unha xeración post-Atlántica, de artistas novos que fan cousas moi interesantes e que traballan con presupostos distintos. -¿Que importancia tivo na súa formación o feito de criarse en Monforte? -Para min foi fundamental a influencia das paisaxes da miña infancia e adolescencia en Monforte e na aldea de Vilaoscura, en Sober. Eu vexo a paisaxe como unha especie de puzzle visual, un ronsel cromático ou unha mistura complexa e caótica de sensacións que o pintor reconstrúe. Penso que a pintura abstracta está máis cerca da natureza que a figurativa e que é a que mellor representa unha paisaxe como a galega, que por outro lado é barroca. Para un pintor hai un feitizo evidente que está vencellado á humidade atmosférica, ós matices da vetexación e da pedra, ós contrastes da nubosidade variable. Isto non se dá noutras zonas do mundo onde a paisaxe é máis simple e plana. Aquí, nunha soa mañá pode verse reflectida no ceo toda a historia da pintura: os ceos de Constable, Turner, Velázquez... -¿Segue inspirándose nas paisaxes lucenses? -As terras da provincia de Lugo, como toda a Galicia interior, son unha reserva paisaxística imponente. Aquí non chegou a facerse a revolución industrial, así que ese é un dos activos máis importantes que temos. Hai moitas paisaxes que me interesan. É impresionante a forza que desprenden os nosos ríos e montañas e sobre todo os nosos bosques, que seguen tendo unha riqueza extraordinaria, a diferencia das zonas degradadas do litoral. Para min o bosque ten unha dimensión mítica, é algo que dalgún xeito non nos pertence e que nutre os soños da imaxinación creadora. De feito, a etimoloxía da palabra Lugo alude a un bosque sagrado. Veño a miúdo a percorrer os nosos bosques e a perderme neles, o que por outro lado é cada vez máis fácil, porque a maleza está facendo desaparecer os antigos carreiros. Interésame moito tamén a nosa paisaxe rural humanizada e transformada polos valados e socalcos. A Ribeira Sacra chámame particularmente a atención e desde hai tres anos estou pensando facer unha obra grande sobre esas paisaxes, na que a lámina de auga do río contrastará cunhas curvas de nivel que representarán os socalcos vití- colas. Xa fixen hai tempo a serie A memoria da arxila , que se inspira na miña fascinación pola cerámica de Gundivós. -Tamén ten traballado como deseñador gráfico, facendo deseños e logotipos sobre motivos locais. -Si, en Monforte fixen deseños para etiquetas de botellas de viño, para un hotel, para a asociación de fabricantes de calzado.... Estou encantado de facer estas cousas para axudar ó desenvolvemento da miña terra e estou disposto a seguir facendo todo o que me pidan neste terreo.