Unha rota de alta montaña ofrece unha serie de vistas espectaculares na zona norte da Serra do Courel Unha rota de sendeirismo de alta montaña une o Alto da Pedra e o Alto da Escrita, nunha das zonas máis agrestes da Serra do Courel. A dificultade que ofrece este camiño é elevada, debido sobre todo ás diferencias existentes entre as cotas de altura por onde discorre. Sen embargo, o esforzo vese amplamente recompensado polas excelentes vistas que poden divisarse en diversos puntos do percorrido. Algún dos miradoiros que se encontran no camiño permite avistar mesmo a cidade de Lugo. A enigmática excavación situada no Alto da Neveira, a unha altura de 1.200 metros, é outro dos importantes atractivos desta rota.
14 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O percorrido comeza no Alto da Pedra, a tres quilómetros de Paderne e a sete de Seoane do Courel. Para localizar o inicio da rota, que está exactamente na estrada que vai de Seoane a Ponte Lóuzara e Samos, serven como puntos de referencia un letreiro sinalizador e unha antena. Neste lugar comeza unha pista de terra que no primeiro quilómetro discorre sobre un terreno calizo, ofrecendo vistas de Bustrofrío e do Val do Lóuzara. O camiño bordea logo o Alto da Neveira, onde pode verse unha antiga explotación mineira que se presenta á vista como un grande buraco na ladeira. Cóntase que os monxes de Samos usaron esta excavación como depósito de neve e xeo ata o século XIX. A rota continúa pola pista ata o Alto do Lago, no quilómetro 2,7. Na súa ladeira nace o arroio do Lago e nas épocas de chuvia fórmase unha pequena lagoa. Neste punto, o camiño ramifícase: a senda da dereita vai para Gamiz; a da frente, para Paderne, Mercurín e Seceda; á esquerda hai unha devasa ¿ou cortafuegos ¿ por onde segue o percorrido. A subida pola devasa é forte, ata coroar o pico da Escrita, no monte da Poza Grande, que está no quilómetro 3,8. No mesmo cume, a 1.455 metros de altura, hai un punto xeodésico representado por unha base de formigón e unha pequena columna. A pouca distancia hai unha penedía denominada Pena Grande, desde onde se dominan unhas vistas impresionantes das serras do Courel e Ancares e da provincia de León. Poden divisarse tamén as aldeas de Pedrafita do Courel, Paderne e Miraz e en días moi claros chega a avistarse a cidade de Lugo. O percorrido continúa pola devasa durante 500 metros ata chegar á altura da Pena da Devesa, un dos miradoiros máis espectaculares do Courel. Para chegar a este lugar, que ofrece unha impresionante vista da devesa de Paderne ou da Escrita, hai que avanzar uns cen metros monte a través. Volvendo á devasa, hai que subir ata o quilómetro 6,2 e saír a un camiño que sube desde a devesa de Paderne. A partir de aquí hai dúas opcións: ou ben desviarse á esquerda para percorrer a devesa e chegar á aldea de Paderne, ou ben desviarse polo camiño da dereita. Neste caso, despois de pecorrer 200 metros, chégase á pista de terra que procede do Alto do Lago. Hai que desviarse de novo á dereita para retornar ó Alto da Pedra.