DISCÚLPENME VOSTEDES

La Voz

LEMOS

JOSÉ MANUEL RODRÍGUEZ TRIBUNA PÚBLICA

27 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Perdóenme vostedes, ilustres deputados provinciais, pola miña linguaxe de taberna. Un, que estudiou gracias a que o seu pai foi emigrante, ten estas limitacións, non foi á Universidade. Escoitándoos a vostedes, non sei se foi unha sorte ou unha desgracia. Perdoe vostede, Julio, Juliño, Julio de Quiroga pola familiaridade coa que pronuncio o seu nome. Considerei erróneamente que, como militamos no mesmo partido e temos compartido mesa e mantel moitas veces, podía facelo. Xa vexo que foi un exceso. Volvo pedirlle disculpas. A partir de agora dirixireime a vostede como se debe, Ilmo. Sr. D. Julio Álvarez Núñez Presidente do Excelentísimo Concello de Quiroga. Por certo, empecei no partido bastante antes que os que estaban sentados á mesa na rolda de prensa e gracias ó esforzo de xente coma min, algúns gozan de esplendorosos sillóns. Eu non podo dicir que estou en contra das feiras, porque un dos once primeiros colleiteiros daquela Feira de Amandi fun eu. Tiven a responsabilidade de organizala durante 8 anos, nos que se pasou dos toldos ás casetas. E nese tempo naceu a Denominación (parece como se considerasen un delito que eu tivese algo que ver niso). Nunha subzona na que a capital é o municipio que vostede rexenta, Ilmo. Sr. D Julio Álvarez Núñez, que conta con oito adegas legalizadas, vostede segue a facer unha feira sen eles (que os lectores saquen as conclusións que consideren). Cando di que está aí para falar en nome do sector, non sei a que sector se refire, porque vostede, Ilmo. Sr. D. Julio Álvarez Núñez, non ten nin viñas nin adega rexistrada na Denominación, nin tivo a ben incluir este sector no Consello Económico e Social. Nós non lle pedimos nada, pero xa que o nomea, lémbrolle un compromiso de hai once anos de aportar 1.800 euros (299.495 pesetas) para a posta en marcha desta Denominación de Orixe, que seguimos esperando que cumpra. É certo que houbo un primeiro achegamento hai un ano, no que estaba o secretario de organización de XX.AA., o señor Fontela, e tres alcaldes da comarca, entre eles vostede e a señora Raquel Arias. Pode decir tamén que viño pediron para a comida: un Ribera del Duero. Supoño que ese é un dos impulsos, Ilmo. Sr. D. Julio Álvarez, ós que se refire cando fala desta denominación. E vostede, amiga Raquel, atenda: Eu non son médico para darlle consellos, pero como vostede se atreve, permítame que lle recomende que cuide o seu subconsciente e mesmo o consciente. Perdóeme outra volta, vostede, a linguaxe con que a trato, Ilma. Sra. Dª. Raquel Arias; mire, a min e á candidatura na que participei en Sober durante 16 anos sempre nos apoiaron, ata cando llo pedimos para que vostede saíse alcaldesa. Sempre me pareceu lícito que os alcaldes defendesen os intereses dos veciños, ¿ou é que están para outra cousa? Pero, dende logo, os de todos os veciños; non só os dos amigos e familiares. E isto que digo os que vivimos en Sober sabémolo ben, e os de fóra que vaian dar unha volta pola ribeira e que saquen conclusións. Iso de dicir que o sector vai á misa con vostede, señora Raquel Arias, xa o veremos o próximo día 26. Por certo, vostede non está inscrita no Consello nin como viticultora nin como adegueira e, xa que ten tanto interese en remexer nel, poderíanos explicar que entende vostede disto. No da presentación do selo, eu só dixen que non fun porque ninguén me convidou, e iso é o que pasou. E dixen tamén que o nome de Ribeira Sacra pertence a todos os viticultores e adegueiros que a compoñen, representados no seu Consello. Entendo que ese Consello e o seu presidente, que respresentan a eses miles de viticultores e adegueiros, debían ter sido convidados a ese acto. Se vostede pensa que non é así, alá vostede, aínda que unha persoa coma vostede que foi á Universidade debía coñecer as máis mínimas normas de protocolo e respeto institucional. A preocupación súa sobre o futuro de certo «señor» paso a explicarlla. Miren vostedes: o futuro deste «certo» señor, coma o do resto de viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra é igual que o presente e igual que foi o pasado; baseáse no traballo diario na viña e na adega. A un, na súa ignorante humildade, tamén lle gustaría ser tratado con respecto porque ó fin e ó cabo tamén ten nome, aínda que xa sei que para vostedes, Ilma. e Ilmo., os viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra só temos a categoría de «certos» señores. Remato como empecei: pedíndolles humildes disculpas a tan ilustrísimos representantes do pobo por ter cometido o grave delito de ser partícipe do desenvolvemento da Ribeira Sacra nos últimos anos sen contar coa súa aprobación.