Por unha placa

La Voz

LEMOS

TRIBUNA PÚBLICA

29 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Ogallá haxa eleccións todos os anos. Este é o desexo de moitos cidadáns que comproban o traballo intenso que desenrolan as distintas administracións cando ven enriba a campaña eleitoral. Inaugúrase unha obra unha vez, dúas ou as que sexa preciso, dependendo da cantidade de persoeiros inmersos na campaña eleitoral. O que importa é a placa e a lenda nela escrita: «Este centro, esta corredoira, esta... foi inaugurada polo presidente, polo alcalde... don Fulanito de Tal». Hai ocasións nas que a estrada xa deixou tras de si varias mortes no momento de cortar a cinta inaugural, os centros de ensino xa despediron varias promocións de estudiantes cando chega a visita -preguntar nos institutos de Chantada-. Pero non tiñan unha placa. Aínda lembro a inauguración do colexio novo de Monforte, un ano despois de iniciado o curso escolar e varios meses máis tarde do accidente que se producíu cando unha cancela de acceso ó centro con máis de catrocentos kilos de peso caíu enriba dun neno partíndolle a perna. Hoxe, o neno por sorte vive, e o colexio con unha fermosa placa cor verde esperanza que di: «Este centro foi unaugurado por...». Ademáis da casa do concello, inaugúrase hoxe en Monforte o recentemente remodelado centro de saúde. Como o señor presidente circula con rapidez, ten poucas posibilidades de ser alcanzado por unha das planchas que se desprenden do teito con certa frecuencia. Tampouco notará a humidade das paredes porque a visita será breve, aínda que a madeira posta enriba con toda presa non vai impedir que aquela aflore. Pero iso será dentro duns días ou dunha semana. Para entón, ao centro de saúde xa se lle terá sacada a rendibilidade eleitoral da inauguración. E ademáis os materiais acábanse e quedan máis eleccións. Mentres, eu, como dí o señor director provincial do Sergas seguirei «facendo política». Isto dío un señor director provincial, cargo dedocrático e sospeitoso de subxectividade, porque como todos sabemos os cans nunca morden ó amo que lles dá de comer. Pilar Saavedra, funcionaria da Xunta e delegada da CIG.