Formación profesional: estudos moi prácticos con máis de 200 títulos en Galicia
LA VOZ DE LA ESCUELA
Desde a etapa máis básica ata os cursos especializados, a FP está chea de opcións para prepararse como un profesional competente e con moitas posibilidades de emprego
06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Oíches falar da Formación Profesional? Queres saber máis? Estes estudos, cunha compoñente moi práctica e pegada á realidade do que buscan as empresas e o mercado de traballo son unha opción para cada vez máis estudantes. Permiten desde reengancharse ao sistema educativo cando a educación secundaria se atasca ata formarse nun altísimo nivel de especialización. Aquí cabe case todo, desde a perruquería á aeromecánica, pasando pola panadería, a robótica, a xardinaría ou a ciberseguridade. En Galicia ofrécense máis de duascentas titulacións distintas de 24 familias diferentes —ramas que engloban profesións de campos semellantes—. Segue lendo e entérate de todo.
FP BÁSICA - ESO e título de técnico básico
O título de ESO (Educación Secundaria Obrigatoria) é o máis básico dos que se dan en España. Pero ás veces, hai rapaces e rapazas aos que lles custa sacalo. Repiten un par de veces e rematan o seu paso pola escola e o instituto sen ese título. A FP básica pode converterse nun xeito de obtelo e mesmo de se reenganchar ao sistema educativo. Dura dous cursos (unhas 2.000 horas) e combina materias habituais da ESO como Lingua Castelá, Matemáticas ou Ciencias Sociais, con outros módulos —que así se chaman as asignaturas en FP— específicos do ciclo que se escolla. En Galicia poden estudarse 26 distintos.
Se se superan os dous cursos, obtense o título de técnico básico, pero ao mesmo tempo, sácase o da ESO, polo que ademais de poñerse a traballar é posible enganchar con outros estudos, como un ciclo medio de FP ou ata o bacharelato. Hai quen chega á universidade!
Din os profesores que a FP básica é unha gran opción para o alumnado ao que lle custa un pouco seguir o traballo máis clásico da aula, pero que ten boas habilidades e interese por algún oficio concreto. Aos ciclos básicos chégase habitualmente a proposta do equipo docente do centro educativo no que o alumno estea a estudar 3.º da ESO (excepcionalmente 2.º). Se é de terceiro ou cuarto curso de secundaria, o propio estudante (e a súa familia) pode solicitar o seu paso á FP básica.
FP DE GRAO MEDIO - Título de técnico
Unha vez completada a etapa de estudos obrigatoria (a ESO, ou como alternativa a FP básica) e para seguir estudando, hai quen opta polo bacharelato, e hai quen busca uns estudos xa máis orientados profesionalmente, como os ciclos medios de FP. Duran dous anos, e cos últimos cambios normativos, a partir do vindeiro curso todos van combinar a formación nas aulas con entre 500 e 700 horas de formación en empresas. En calquera caso, o vínculo co mundo empresarial é intenso. As materias e contidos están moi ao día co que precisa cada oficio ou profesión, e os contidos teñen unha importante carga práctica. Hai que estudar? Un pouco si, pero sobre todo, entender e aplicar o estudado.
A FP de grao medio é ideal para ese alumnado que ten gusto claro por unha certa profesión ou rama de traballo, xa que enseguida vai ver como son as cousas nese sector. Ademais, estes ciclos teñen unha alta empregabilidade. É dicir, na maioría hai moitas posibilidades de encontrar traballo, porque as empresas buscan esa man de obra ben preparada que achega a FP. Segundo un estudo recente, no 2023 había ata 19 ciclos nos que o cen por cen dos titulados catro anos antes tiñan traballo. Gandaría, Deseño en Fabricación Mecánica, Mantemento Electrónico ou Instalacións de Produción de Calor son só catro exemplos. Pero é que ademais, outros moitos ciclos teñen unha empregabilidade que supera o 90 %.
Sen saír de Galicia podes escoller entre 48 ciclos medios diferentes. Hainos bastante recentes, como o de Produción Agroecolóxica ou Preimpresión Dixital, pero cómpre non esquecer as profesións máis tradicionais, sempre demandadas, e que garanten oportunidades de traballo, como Xardinaría ou Soldadura.
Ao rematar a FP de grao medio pódese seguir estudando, neste caso, a FP superior.
FP SUPERIOR - Título de técnico superior
Ir á universidade non é a única opción para ter un título superior. A Formación Profesional e outra vía cada vez máis demandada polo estudantado, grazas a ciclos pensados para responder ás necesidades do mercado laboral e deseñados con moita colaboración das empresas, que atopan nos graduados nunha FP superior mandos intermedios e xefes de equipo moi ben formados.
Os ciclos son máis curtos que unha carreira (dous anos, unhas 2.000 horas), con contidos máis específicos e prácticos. Como sucede cos graos medios, a última reforma converte toda a FP superior en dual, é dicir, a formación é compartida desde o primeiro curso entre a aula e a empresa ou empresas ás que o alumnado acudirá entre 500 e 700 horas para aprender traballando.
Ademais, tanto nestes ciclos superiores como nos medios existe unha modalidade bautizada como FP dual intensiva, na que hai máis peso da formación en empresa e o alumnado cobra unha remuneración pola súa estancia no centro de traballo. Por certo, que tanto na FP media como na superior van pasar a incluírse módulos de inglés profesional en todos os ciclos.
O abano de estudos que se poden cursar sen deixar Galicia é amplísimo. Hai cerca de 80 titulacións diferentes de FP superior. As sanitarias están entre as máis demandadas, con opcións como Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, Hixiene Bucodental ou Radioterapia. Pero a elección é amplísima e variada: Animacións 3D, Xogos e Contornos Interactivos; Termalismo e Benestar; Vitivinicultura; Mecatrónica Industrial; Fabricación de Produtos Farmacéuticos...
Como chegar ata estes estudos? Hai varias vías de acceso. A maior porcentaxe de prazas resérvase para o alumnado que vén de bacharelato (todos os bacharelatos dan paso a todas ás FP superiores), pero tamén poden cursarse logo de facer un ciclo medio ou ingresar a través de probas específicas. A demanda crece ano a ano, así que as notas de corte tamén o están a facer, con máis de corenta titulacións que requiren máis dun sete de nota media. Hai que ter en conta que existen afinidades entre os graos medios de formación profesional e os superiores.
Por certo, a FP superior pode ser unha vía de entrada á universidade, empregando a nota media do ciclo para acceder a unha carreira, en lugar da nota que se obtén a través do bacharelato e a fase xeral da selectividade.
MÁSTERES - Especialización
A Formación Profesional ten tamén opcións de formación continuada e moi especializada. Por iso a oferta galega complétase cunha vintena de másteres. Sete deles poden cursarse logo de ter feito un ciclo medio e outros 16 requiren ter completado un ciclo superior. Duran menos dun ano (hainos de 300 horas e ata máis de 700) e serven para ampliar e profundar en certos coñecementos moi actualizados e demandados. O resultado? Quen os supera convértese nun profesional con formación punteira e alto nivel de especialización, recoñecido por un título que ten validez en todo o territorio nacional. Estes cursos atenden, ademais, a demanda de actualización que hai en sectores económicos claves nos que cada día aparecen novos retos, como a informática ou a enerxía. Queres algún exemplo? Este curso ofrecénse, por exemplo, másteres en Intelixencia artificial e Big data, Fabricación intelixente ou Drons.
CURSOS DE ALTA ESPECIALIZACIÓN - FORMACIÓN COMBINADA
Por se aínda buscas máis, o catálogo da FP galega inclúe tamén 24 cursos de alta especialización, que permiten cursar unha sorte de dobres titulacións ou, cando menos, estudos que combinan materias de varios ciclos para conseguir formar profesionais con perfís moi concretos e especializados, demandados polas empresas galegas e tamén de fóra da comunidade. Unha opción, por exemplo, é cursar Dirección de Cociña e parte do ciclo de Dirección de Servizos de Restauración; ou prepararse como guía especializado en enoturismo. Outros exemplos son a posibilidade de estudar á vez materias de Sistemas Conectados a Internet (o IOT, Internet das cousas) e de Robótica Colaborativa, ou facer unha dobre titulación en Automoción e Mantemento e Seguridade en Sistemas de Vehículos Híbridos e Eléctricos. Todas cuestións punteiras e de máxima actualidade, polo o que catálogo vai actualizándose cada curso.
PFB - Programas formativos básicos
A FP galega non quere deixar a ninguén fóra. Por iso existen 15 Programas Formativos Básicos (PFB) dirixidos a alumnado con necesidades especiais. Impártense maioritariamente en centros de educación especial, aínda que tamén hai algún en institutos, como o IES de Catabois, en Ferrol. Teñen algúns módulos teóricos, pero sobre todo apréndese un oficio nas clases de taller. Son flexibles e con grupos reducidos e outorgan ao alumno un certificado de profesionalidade nivel 1, aínda que non título educativo, porque están un paso por debaixo da FP básica.