O misterio que oculta o Everest

Bibiana García Visos

LA VOZ DE LA ESCUELA

A cara norte do Everest é a máis difícil de escalar
A cara norte do Everest é a máis difícil de escalar LUCA GALUCCI

Despois de 95 anos da súa morte, continúa sendo un enigma se os alpinistas británicos George Mallory e Andrew Sandy Irvine coroaron o pico máis alto do mundo antes que ninguén

15 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A última vez que foron vistos con vida foi hai 95 anos, o 8 de xuño de 1924, a uns 300 metros do teito do mundo. Os alpinistas ingleses George Mallory e Adrew Sandy Irvine desapareceron ao intentar alcanzar o cume do Everest, de 8.848 metros de altura na cordilleira do Himalaia. Ninguén sabe de certo se o lograron ou non; aínda que o seu compañeiro de expedición, o tamén inglés Noel Odell, que os observaba con telescopio desde a distancia e entre a néboa, sostivo ata a súa morte (1987) que o conseguiron. Se algún día se demostra que o fixeron, adiantáronse 29 anos aos soados Edmund Hillary e Tenzing Norgay, as dúas primeiras persoas que coroaron o Everest oficialmente.

A comezos do século XX, o Reino Unido propúxose ser o primeiro país en alcanzar o impoñente monte, despois de que outras nacións se lles adiantasen no Polo Sur e no Polo Norte (neste segundo caso non era certo, aínda que iso é outra historia). En 1921, púxose en marcha unha expedición británica de recoñecemento do Everest, co fin de buscar rutas desde o Tíbet (ao norte) para atacar o cume. Naquela época, o Nepal (ao sur), o outro país desde o que se pode acceder, estaba pechado aos estranxeiros. O experimentado alpinista inglés George Mallory foi dos primeiros en sumarse ao proxecto e quen estableceu a mellor ruta desde o norte para o que se converteu na súa obsesión: alcanzar a cima do mundo.

OS PRIMEIROS INTENTOS

Un ano máis tarde, en 1922, chegou o primeiro intento británico de facer cume cun sistema rotatorio de equipos, que ían levantando campamentos ao longo de todo o traxecto ata achegarse o suficiente á cima. A primeira tentativa de facer cume correu a cargo de catro alpinistas, entre os que estaba Mallory. Sen axuda de osíxeno chegaron ata os 8.225 metros, establecendo unha marca mundial de altitude. Tamén foron os primeiros en comprobar o esforzo que require camiñar a semellante altura. A dificultade para respirar, as baixas temperaturas e a dura orografía do terreo fan que cada paso a máis de 8.000 metros consuma tres respiracións dun alpinista experimentado. É a chamada zona da morte, onde respirar vólvese unha tarefa extenuante porque a presión atmosférica descende a un terzo da que hai ao nivel do mar. A partir dese punto non hai xeito de que o corpo se aclimate ao ambiente extremo. Só pode soportalo durante un tempo limitado. Se un alpinista sofre calquera accidente que non lle permita moverse en por si, o seu rescate resulta practicamente imposible.