As Letras Galegas homenaxean o vindeiro 17 a María Victoria Moreno
02 may 2018 . Actualizado a las 08:31 h.Levamos uns anos en racha e a cousa semella que vai a máis. Despois do poeta Manuel María (2016) e Carlos Casares no 17, dous autores enfocados ao público adulto que se achegaron aos lectores miúdos, o 2018 homenaxea a María Victoria Moreno, cuxa traxectoria como escritora está vinculada case que exclusivamente á literatura infantil e xuvenil (LIX). É recoñecido por todos que o seu labor deu o pulo definitivo a este xénero e lle fixo sitio a carón de calquera outra forma de literatura. Non sabemos canto pode durar esta onda de figuras ligadas á LIX no Día das Letras Galegas, así que cómpre erguerse na táboa e surfeala dende o vindeiro 17 de maio e para o resto do ano.
Non imos parar na súa biografía: para iso ten o lector propostas abondo. Aínda así, é obrigado recordar que naceu en 1939 en Valencia de Alcántara (Cáceres), circunstancialmente, de nai malagueña e pai toledano. A súa vida continuou por Badaxoz, Segovia, Sepúlveda (xusto despois de quedar orfa de pai, aos 12 anos), Barcelona (para facer o bacharelato, que daquela duraba sete cursos, e que explica por que mentiu sobre a súa idade e o seu dominio do francés e o catalán) e Madrid (para estudar Filoloxía Románica). Todo isto, antes de vir en 1963 a Galicia co seu home, que viña traballar ao colexio da ONCE de Pontevedra.
Xa en Galicia, estivo uns anos en Lugo tras acadar a oposición que a levou ao Instituto Masculino desta cidade, onde firmou o seu compromiso definitivo coa lingua galega antes de volver a Pontevedra, para vivir até a fin dos seus días, no 2005.
A ESCRITORA
Se algo destacan os biógrafos de M. V. Moreno unanimemente, é o seu compromiso de procurar unha literatura de calidade, desde un punto de vista estético, para nenos. E de procuralo en galego. A súa produción non é abondosa, e a meirande parte son narracións breves -moitas delas, protagonizadas por animais, teñen un claro destinatario infantil-, pero isto non impide que a súa achega ao despegue e consolidación da LIX na lingua de nós sexa fundamental. A súa cultura literaria (a materia que ensinaba a través dos textos), unha imaxinación desbordante para crear novos mundos e uns personaxes cribles alicerzan unha produción na que salientamos as súas obras Mar adiante (1973), Leonardo e os fontaneiros (1986), Anagnórise (1988) e Guedellas de seda e liño (1999).
A temática destas obras, que non eluden asuntos espiñentos como a desigualdade social e a violencia machista, xira arredor do mundo do ensino e do labor educativo. Tira da súa experiencia situacións do mundo escolar, con predilección pola adolescencia (a partir dos 14 anos) e os cambios emocionais e psíquicos propios da idade. Os seus personaxes reflexionan para daren respostas a unha realidade pola que se senten superados. (Nos contos dirixidos a nenos máis novos, a meirande parte dos personaxes son animais). A intencionalidade ética leva a autora a subliñar valores como a tenrura, a comunicación e o diálogo e o poder da palabra, e a ridiculizar actitudes como a cobiza, o egoísmo, a presunción… a través de tramas que adoitan contrapoñer comportamentos opostos, o mundo adulto e o infantil, a fantasía e a realidade...
A súa vea fantástica trasládase a un tratamento do espazo (adoita situar a acción en pequenas vilas mariñeiras ou rurais ficticias) e do tempo (que altera a vontade) que flúen con enteira liberdade. Isto último, que se reflicte na preferencia por historias que comezan in extrema res, ou sexa, polo final, facilítalle levar a intencionalidade reflexiva ás obras, que tamén se ve reforzada polo predominio da primeira persoa (a maioría, correspondente a personaxes femininos).
O seu estilo, de marcado lirismo, salienta polo coidado e a riqueza do léxico, como se a autora quixese subliñar esa intención de escribir unha literatura de calidade, tamén para os nenos.
Catro biografías
Co gallo da celebración das Letras Galegas non podían faltar as biografías da homenaxeada, sempre máis dunha, a ser posible. Hoxe presentamos catro, coa peculiaridade de que dúas publícanse en sellas coleccións dirixidas aos lectores máis novos.
«María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito»
Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey. Xerais, colección Merlín (de 11 anos en diante)
Redactada nun ton didáctico, mestura os datos da vida de María Victoria cos testemuños de persoas que a coñeceran e os poucos que de si mesma deixou a escritora. Esta é a obra máis enfocada aos lectores máis novos.
«Doce cartas a María Victoria Moreno»
Ánxela Gracián, ilustracións de Antonio Seijas. Hércules de Ediciones
Sorprendente exercicio creativo que mestura o xénero biográfico co epistolar e o fantástico. A voz que conta a vida de MVM é a dun dos seus personaxes máis recoñecibles, o lobo Garimoso, o mesmo que en «Mar adiante» non papa a Mariquiña. E faino a través de 12 cartas de agradecemento dirixidas á súa creadora.
«A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida»
Montse Pena Presas. Galaxia
Por así dicilo, é a máis centrada no periplo vital do persoeiro que tanta influencia tivo na súa cidade de acollida, Pontevedra, e nos seus alumnos, e nos fitos literarios e vitais que contribuíron ao desenvolvemento e difusión da literatura en galego e para nenos.
«María Victoria Moreno. Sementadora de futuro»
Isabel Soto, Xavier Senín Fernández. Xerais
Sen esquecer a traxectoria vital da homenaxeada, esta proposta é quizais a que máis importancia e espazo dedica aos aspectos puramente literarios da obra de MVM. Sen dúbida, a opción máis recomendable para quen queira abordar un estudo máis fondo na clase de Literatura.
actividades
A1. Non deixedes de visitar a web da Real Academia Galega, onde atoparedes unha biografía de María Victoria Moreno (por certo, asinada por Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey), unha bibliografía da autora e novas sobre a homenaxeada, incluíndo unha entrevista coa súa filla Begoña:
- https://academia.gal/inicio
A2. Primavera das Letras é unha web da RAG con actividades de todo tipo, algunhas descargables e outras para facer de xeito interactivo. Todo isto dirixido aos nenos. E coa convocatoria dun concurso ao que te podes presentar ata o 22 de xuño:
- http://primaveradasletras.gal/
A3. O Seminario Galán, do CEIP Galán (Oseiro-Arteixo), como cada ano, ofrece un compendio de actividades, tanto para imprimilas como para facelas diante do ordenador, ordenadas por idades. Imprescindible:
n http://seminariogalan.org/inicio/portada