A televisión revive a Idade Media

> Fernando Pariente

ESCUELA

Fotograma do primeiro episodio da serie «O final do camiño», unha produción de Voz Audiovisual centrada na construción da catedral de Santiago de Compostela
Fotograma do primeiro episodio da serie «O final do camiño», unha produción de Voz Audiovisual centrada na construción da catedral de Santiago de Compostela RTVE

A serie que acaba de estrearse e se desenvolve arredor do Camiño e da construción da catedral de Compostela sitúanos mil anos atrás

25 ene 2017 . Actualizado a las 10:07 h.

O final do camiño é a serie de televisión que conta como eran os tempos nos que se estableceu a peregrinación a Compostela, como se xestou que o Camiño de Santiago se convertese nun lazo de unión cultural entre os pobos do norte e o sur dos Pireneos. A historia rematou coa construción dunha catedral cumio do románico, que deu lugar a unha cultura común e un sentimento de pertenza a unha Europa unida polas crenzas relixiosas.

 

CONTAR A HISTORIA

Esta teleserie, producida por Voz Audiovisual, da Corporación Voz de Galicia, para TVE e TVG e filmada en Galicia, vainos pór de novo fronte ao xénero da novela histórica, que antes foi literario e nesta ocasión é cinematográfico. Neste xénero recréase a historia mesturando feitos e personaxes reais con outros ficticios. Polo xeral, a historia queda cos feitos e os personaxes sobresalientes da realidade, pero o cotián e o miúdo desaparece entre as súas páxinas como a auga nunha peneira. Sabemos por ela dos reis, os personaxes influentes, as batallas e os grandes acontecementos políticos, pero ignoramos o que lle ocorría cada día ao pobo, os seus costumes e as súas formas de vivir. Ao mesmo tempo que os grandes feitos, na vida van ocorrendo outras aventuras triviais que afectan á xente corrente. Hai historia con maiúscula, que queda reflectida nos libros, e historias con minúsculas que se perden nos carreiros do tempo. A novela histórica pretende reproducir as dúas cousas á vez: as pequenas historias de personaxes ordinarios, cuxa suma constitúe a gran historia.

 

PERSONAXES FICTICIOS E REAIS

Con O final do camiño podemos ver na pequena pantalla a vida da Idade Media compostelá tal como era e seremos testemuñas dela coma se viaxásemos no tempo. Para iso os seus creadores tiveron que encher con imaxinación os ocos do cotián que a historia diluíu. Os personaxes ficticios e as súas aventuras son os que xogan ese papel, mesturándose cos históricos, para ofrecernos a imaxe duns acontecementos que parece que están a suceder ante os nosos ollos. Eses personaxes de ficción teñen unha dobre función: por unha banda, a de recrearnos a vida cotiá da Idade Media compostelá, como eran as súas xentes, as súas casas, as súas rúas, o seu xeito de vestir, as súas diversións, os seus costumes; por outra, a de presentarnos pequenas tramas que se cruzan entre si para alimentar o noso interese e a nosa curiosidade seguindo as súas aventuras, as peripecias das súas vidas, os seus odios e os seus amores, as súas persecucións e perigos, os seus éxitos e alegrías, as súas vidas e as súas mortes. Todo iso mesturado cos acontecementos da gran historia: os reis e as súas herdanzas, as súas guerras e as súas batallas, as fronteiras cambiantes dos seus reinos, as súas unións e as súas separacións, as intrigas do poder, os grandes eclesiásticos metidos a políticos... E, no fondo, como o tecido que sostén todos os fíos dun tapiz, a construción da gran catedral románica.

 O obxectivo dos creadores da serie é que gocemos coas aventuras dos personaxes e que ao tempo coñezamos unha parte importante da nosa historia, a que nos relaciona co Camiño de Santiago, as peregrinacións medievais, as turbulentas orixes dos reinos cristiáns peninsulares que formarían co tempo o que hoxe é España, o florecemento da arte románica e do eixo cultural que estas peregrinacións construíron desde o norte de Europa ata Compostela e o embrión dun sentimento de Europa que non viña das clases políticas dominantes, senón que nacía aos ombreiros do pobo que percorría os camiños peregrinando e que construía catedrais á beira deses camiños.

Para comprender ben todo iso, o que vos propoño aquí como exercicio escolar complementario é que acometades a tarefa de distinguir e separar o que é realidade histórica do que é aventura e ficción novelesca a través das seguintes actividades.

 actividades

A1. Despois de cada capítulo facede unha relación dos personaxes que interveñen, distribuíndoos en dous apartados: reais e ficticios.

A2. Resumide por unha banda a trama dos feitos históricos e por outra os novelescos. Axudaravos buscar información e documentación sobre a historia da época. Os acontecementos que se contan na serie abarcan o período que vai desde 1075 a 1120, os anos que durou a construción da catedral compostelá.

A3. Facede ao final da serie un resumo xeral de ambas as dúas tramas (histórica e novelesca). Deste xeito teredes aprendido moito sobre acontecementos transcendentais da nosa historia que deixaron unha pegada que aínda hoxe perdura.

 A4. Observade e analizade tamén a ambientación e reconstrución da época histórica que nos ocupa. Fixádevos nos seguintes aspectos:

a) Reconstrución da arquitectura medieval, catedrais, fortificacións, poboacións, rúas, casas, paisaxe.

b) Vestiario, a súa adecuación á época, diferenciación de clases sociais polo seu modo de vestir.

c) Alimentación: comidas e bebidas usuais, utensilios e formas de comer.

d) Enxoval e mobiliario de castelos e palacios, casas, tabernas, igrexas.

e) Recursos militares e armamento, tipos de armas diferentes, tácticas de loita.

f) Ambientación cultural, festas, música, costumes.

 

Considerade se todo isto garda consonancia coa época e é adecuado ou se produce algunha distorsión.