O turismo sustentable cítase en Madrid

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Thomas Cook inaugurou a primeira empresa de turismo da historia, que hoxe sigue activa
Thomas Cook inaugurou a primeira empresa de turismo da historia, que hoxe sigue activa Håkan Dahlström

Fitur inaugúrase hoxe pensando en como evitar que as viaxes degraden ao planeta

18 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe é o día. Hoxe inaugúrase no parque madrileño Juan Carlos I a 37.ª edición da Feria Internacional de Turismo (Fitur), e faino cun obxectivo moi concreto: promocionar urbi et orbi o turismo sustentable. É dicir, o que non destrúe a contorna, para que os fillos dos nosos fillos poidan gozar das mesmas paisaxes dentro de decenios. E é que o 4 de decembro do 2015 as Nacións Unidas declaraban que este 2017 vai ser o Ano Internacional do Turismo Sustentable.

Galicia ten en Fitur o seu propio stand de moi grandes dimensións, no que mandan as cores branca e azul da bandeira. Por riba de que conteña dende espazos para que o empresariado do sector celebre xuntanzas de traballo ata degustacións gastronómicas (unha polbeira incluída), o fundamental é «amosar a todo o mundo que Galicia é un destino turístico sustentable, con moito pasado pero tamén con moito futuro», en palabras de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.

A MARCA PATRIMONIO NATURAL

Nese aspecto, a Consellería de Medio Ambiente presenta un módulo diferenciado que, coa marca Patrimonio Natural, difunde durante os tres días que dura a feira para os profesionais, máis a fin de semana para o público en xeral, os atractivos naturais de Galicia: parques, reservas da biosfera, árbores monumento, etcétera. «Por iso estamos a colaborar coa Direción Xeral da Natureza, para desenvolver a Rede de Parques Naturais como un producto turístico sustentable», engade Nava Castro.

O outro obxectivo xeral é deixar definitivamente atrás a crise e superar as cifras do ano pasado, e todo apunta a que o camiño está ben alfombrado: no 2016 rexistráronse 231.872 visitantes, incluídos 124.659 profesionais (un 2 % máis que no 2015) e coa presenza de 9.605 empresas de 165 países. Este ano xa hai 9.672 empresas. Un bo comezo.

Así é Fitur, un punto de encontro onde hai de todo e onde constantemente se produce o «encontro cara a cara con provedores de produtos», segundo recalca dende Santiago María José Rodríguez, unha recoñecida profesional do sector con moi longa experiencia. ¿E a sustentabilidade? «O turismo ten que ser sustentable e ecolóxico, sen impacto negativo no destino e favorecendo a negocios locais, xerando beneficios na poboación local que se visita», di. E así están as cousas no día en que se levanta o pano en Fitur, a segunda feira de turismo máis importante do mundo.

Así foron os primeiros pasos

A primeira viaxe turística, organizada, da historia se lle atribúe a Thomas Cook, un relixioso británico radicalmente antialcohólico. Home moi activo e decidido, o 5 de xullo de 1841 preparou unha viaxe en tren para máis de 500 persoas que partirían da cidade de Leicester e chegarían á localidade de Loughborough ?algo menos de 20 quilómetros? co fin de asistir a un mitin contra o alcohol. A empresa do ferrocarril deulle unha comisión por cada billete que vendeu. Nacía a axencia de viaxes Thomas Cook, que aínda é unha das grandes mundiais. O que marcou o comezo do turismo internacional foi o longo desprazamento que levou a cabo un grupo de persoas e que organizou tamén, como non, Thomas Cook: 130 aventureiros partiron de Londres e o 8 de xullo subiron ao suízo monte Rigi para ver a saída do sol. Tan só sete chegaron ao seu destino.

Ausencia de grandes países, dinamismo das deputacións

A Fitur acude todo o mundo. Ou case. Porque os novos hábitos do consumidor, sumados á crise económica, fixeron que potentes oficinas oficiais de turismo deixasen de plantarse no parque Juan Carlos I, como por exemplo Francia ou os países nórdicos. Outros continúan sen esmorecer, ano tras ano. Por exemplo, todas as comunidades españolas. Tamén algunhas deputacións, e aí lideran as galegas, coa da Coruña aplicando aquilo de que a quen madruga Deus lle axuda: o seu día forte é xustamente hoxe, dende as dez da mañá, e céntrase en tres camiños: o Camiño Inglés, a Prolongación a Fisterra-Muxía (un e outro, xacobeos) e o de Santo Andrés de Teixido. Collen así o testemuño do ano pasado, cando Coruña potenciaba o Camiño dos Faros, na Costa da Morte, xunto con seis puntos en concreto da provincia.

As procesións de Semana Santa non van estar ausentes. Antes de que acabe o día a Xunta presentará as máis coñecidas de Ferrol e Viveiro, e pasado mañá, día 20, faise o mesmo coas festas de interese turístico nacional e internacional, entre as que tamén se atopan varias de inequívoca cor coruñesa.

actividades

  • Como definirías a un turista? Seguro que hai case tantas definicións como alumnos na clase.
  • Van turistas ao teu concello? ¿Máis no verán ou no inverno? ¿Por que cres que van? ¿Hai algún tesouro natural?
  • Que medidas tomarías para que no teu concello o turismo non deixe unha pegada negativa e sexa sustentable, como pide a ONU?
  • En que país ou cidade en concreto che gustaría ser turista? ¿Que irías ver? ¿Cres que a túa presenza contaminaría?
  • Mira esta web para ampliar coñecementos: ifema.es/fitur_01. Además, escribe «Fitur» no buscador da Wikipedia (aínda que non contén os últimos datos).