Pagarán impostos

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

O astronauta da NASA Chris Cassidy traballa na estación espacial internacional co Robonaut 2
O astronauta da NASA Chris Cassidy traballa na estación espacial internacional co Robonaut 2 NASA

O Parlamento Europeo preocúpase por lexislar sobre a personalidade dos robots

30 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos en tempos de profundas transformacións sociais porque o ritmo do coñecemento acelérase de forma progresiva. A aparición de novos inventos e novas tecnoloxías producíanse ata hai aínda poucos anos ao longo dun tempo que se adecuaba bastante ben ao transcorrer medio da vida das persoas e, así, aos poucos iámonos adaptando a eles. Agora, a velocidade do cambio é tal que empeza a producir vertixe. Antes, as perspectivas de progreso producían unha certa euforia respecto do futuro. Soñabamos que viaxariamos máis rápidos, máis cómodos e máis seguros. Que nos comunicariamos con voz e con imaxes. Que nas nosas casas habería máis comodidades, aparellos máis eficientes. Que a nosa saúde melloraría, que iriamos atrasando aos poucos a vellez, que prolongariamos a nosa esperanza de vida. En fin, mirabamos ao futuro cun optimismo vital. Pero de súpeto empezamos a notar que o mundo cambia a tal velocidade que non sabemos se seremos capaces de adaptarnos.

O mundo globalizouse e non dispón de estruturas globalizadas de organización que canalicen adecuadamente a vida social. E iso produce terremotos políticos que non sabemos onde nos van conducir e terremotos sociais que fan perigar o noso benestar.

A educación xa non consiste na adquisición dun conxunto de destrezas que nos levarán a desempeñar un oficio estable. O carpinteiro érao ao longo da súa vida, o mesmo que o pintor de brocha gorda ou de pincel, ou o profesor, ou o médico, o cura ou o enxeñeiro. ¿Quen pode agora asegurar que se prepara para exercer a mesma profesión toda a súa vida? Máis que nunca cúmprese o aforismo do filósofo grego Heráclito: panta rei, todo flúe, nada é.

 

PERSOAS ELECTRÓNICAS

Un dos retos que comeza a preocupar seriamente é o do desenvolvemento da intelixencia artificial e a robótica. Os robots, con formas humanoides ou sen elas, xa están aquí. Entraron con pé firme nos quirófanos, apropiáronse das cadeas de montaxe na industria automobilística, fan posibles os automóbiles sen condutor ou invaden as industrias que basean a súa produción na montaxe de aparellos. A preocupación chegou xa ata a Unión Europea e a europarlamentaria do grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas Mady Delvaux presentou recentemente no Parlamento Europeo un informe no que se expón que a robótica e a intelixencia artificial asumirán nun futuro próximo unha gran parte do traballo realizado polos seres humanos, aumentando as preocupacións sobre o futuro do emprego e a viabilidade dos sistemas de seguridade social e, por ese motivo, propón que os traballadores robots de Europa sexan definidos como persoas electrónicas. Esta determinación tería como consecuencia que os seus propietarios se convertesen en responsables de pagar a seguridade social, como fan agora cos seus empregados, así como asumir unha responsabilidade legal polas consecuencias derivadas das súas actuacións. A proposta pide á Comisión Europea «a creación dun estatuto xurídico específico para os robots, para que polo menos os robots autónomos máis sofisticados teñan a condición de persoas electrónicas, con dereitos e obrigacións específicas, entre elas a de facer reparar os danos que poidan causar, e a aplicación da personalidade electrónica para os casos en que os robots fan decisións intelixentes autónomas ou doutro xeito interactúan con terceiros independentemente».

 

Esta proposta europea xerou certa inquietude na crecente industria da robótica, que a sente como unha ameaza ao seu desenvolvemento. Desde Alemaña indicouse que a medida sería prematura, burocratizadora e atentatoria contra o desenvolvemento incipiente da robótica. Recoñécese que será necesaria a longo prazo, pero estiman que aínda estamos a 50 anos desta necesidade.

Pero na industria xa se están producindo os primeiros movementos significativos. Adúcese por exemplo o caso de Adidas. Esta produtora de calzado deportivo instalou ao longo deste ano unha nova fábrica en Ansbach, Alemaña, na que estableceu un sistema de produción que denomina Speedfactory, servido exclusivamente por robots. O modelo xa está sacando a súa produción ao mercado e a empresa proxecta pechar todas as súas fábricas en China durante os próximos cinco anos e trasladalas de novo a Estados Unidos aplicando ese sistema, porque a redución drástica do custo da man de obra xa non fai rendible a súa localización no xigante asiático. Un alto executivo da empresa téxtil Levi’s comentou recentemente na revista The Wall Street Journal que «o traballo se está facendo cada vez máis caro, mentres a tecnoloxía é cada vez máis barata».

 

 actividades

1. Proponse centrar a activade sobre o propio documento do Parlamento Europeo, que pode atoparse na seguinte dirección web: goo.gl/jhoq0U

 

2. Dividir aos alumnos en pequenos grupos para acometer por partes a análise do documento. Un grupo pode estudar das páxinas 1 á 7, nas que se presentan os considerandos que describen a situación actual desde todos os puntos de vista. Un segundo grupo pode analizar da 7 á 13, nas que se establecen os principios e actuacións que debería asumir a UE. Un terceiro grupo podería analizar as recomendacións que se expoñen da 14 á 15. O resto do documento poderá ser resumido polo profesor.

 

3. Cada grupo pode expor con brevidade as ideas extraídas do texto e establecer debates sobre temas tan importantes como a proposta de converter aos robots en persoas xurídicas responsables e sometidas a asumir os custos do benestar social, como os traballadores que son persoas humanas. E outros temas derivados como a organización da produción no mundo próximo futuro, a vida laboral das persoas, o sostemento das prestacións de seguridade social e pensións, a educación e a preparación para o mundo futuro...