Quéroche só pra min

Ana T. Jack

ESCUELA

As novas tecnoloxías, en definitiva, están cambiando a forma en que a mocidade vive as súas relacións
As novas tecnoloxías, en definitiva, están cambiando a forma en que a mocidade vive as súas relacións JOHN RAGAL

O móbil e as redes sociais facilitan o control das parellas adolescentes

18 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Roque está moi namorado de Tamara. Tanto, que non pode vivir sen ela. Cando non están xuntos bombardéaa con mensaxes ao móbil e pídelle que lle mande fotos e vídeos do que está a facer. Cada día, cando coinciden no recreo, revísalle o teléfono para ver con quen chateou o día anterior e que chamadas recibiu. Incluso lle pediu que borre das súas redes sociais a uns cantos contactos que a el non lle gustaban (entre eles un exnoivo e dous que tonteaban con ela). Tamara, lonxe de ofenderse por este comportamento do seu noivo, séntese afagada e orgullosa del. «É que está tolo por min», dilles ás súas amigas para xustificar algunhas bochornosas escenas de celos.

Como noutros ámbitos da sociedade, o machismo e a violencia de xénero cóanse nas novas tecnoloxías baixo o disfrace do amor romántico. Pero, para ser xustos, hai que dicir que hoxe en día este tipo de actitudes de control e posesión (revisar o móbil da parella, impor amizades, pedir contrasinais...) é típica tanto en mozas como en mozos, aínda que estes últimos chegan con maior frecuencia a comportamentos máis agresivos (intimidacións, ameazas, insultos, agresións...). Así o constata a investigación ¿Fuerte como papá? ¿Sensible como mamá? Identidades de Género en la adolescencia, realizada polo Centro Reina Sofía, que arroxa entre outros moitos un dato moi preocupante: o 80 % dos mozos de 14 a 19 anos presenciou nalgún momento actos violentos entre parellas da súa idade. Baixo o prisma das novas tecnoloxías, estas relacións foron evolucionando ata converterse en algo diferente ao que eran. Por exemplo:

? As relacións persoais xa non son un asunto privado, senón un tema público que se divulga desde as propias redes sociais. O primeiro paso, moitas veces, consiste en substituír a foto individual do perfil por unha na que aparece a parella. Ou se informa do novo estado, por exemplo, en Facebook: «Antía ten unha relación con Brais». Ata o punto de que algúns mozos se empezan a tomar en serio a relación cando o confirma a rede social.

? As declaracións de amor moitas veces fanse co público virtual como testemuña. Por exemplo, «Gordi, despois dun mes de relación, quero dicirche que sigo namorado como o primeiro día». E entón opinan os amigos e aparecen os comentarios: «¡wapos!», «que bonito» ou a emoticona dos aplausos.

As novas tecnoloxías, en definitiva, están cambiando a forma en que a mocidade vive as súas relacións e esta nova visión (que sen dúbida ten os seus aspectos positivos) favorece algúns riscos. Como pais e nais de nenos e adolescentes debemos asegurarnos de que os nosos fillos saben protexer a súa propia intimidade e valorar a importancia do respecto mutuo nas relacións de parella.

Isto non é amor

Pais e nais deben axudar aos seus fillos a detectar os sinais do amor insáne a actuar en consecuencia:

1. Os celos. Non lle deixes que pense: «É celoso porque me quere». Non se poden xustificar os celos en nome do amor.

2. O control. Sobre o que fai («¿Por que tiñas o teléfono apagado?»), con quen está («¿Por que chateabas coa túa exnoiva a esas horas da noite?») ou como se viste («Mándame foto con esa saia, demasiado curta») é inaceptable. O control atenta directamente contra a independencia e autonomía da persoa.

3. O illamento. Prodúcese cando unha persoa intenta illar á súa parella dos seus amigos, familia, redes sociais... «Porque che quero só para min».

4. O acoso. Non hai que confundir unha actitude positiva, como o interese e a atención que nos dedica unha persoa, co feito de que nos vixíe, persiga, acose, apareza todos os días á porta do instituto sen avisar...

5. A humillación. Ocorre cando se menospreza á parella, díselle que non vale para nada, búrlase dela, avergóñase en público... Esta actitude supón un ataque directo á autoestima da persoa descualificada.

6. As ameazas. É avisar á parella de que, se non fai o que se lle di, pode ter consecuencias. As ameazas máis típicas son: abandonar a relación, enviar ás redes sociais imaxes comprometidas, pegar unha malleira a alguén, revelar secretos. «Se non o fas dígolles aos teus pais o que fixemos o sábado pola noite».

7. A chantaxe emocional. É unha forma de intimidación e presión para crear sentimentos de culpa ou cargo de conciencia. «Se non volves comigo, suicídome». Ou ben: «Se non me dis os contrasinais do teu correo, é que non me queres».

8. A presión. Por exemplo, para ter relacións sexuais sen desexalo. Pode mostrarse en forma de enfado, victimismo ou ameaza de cambiar de parella. «Obrígasme a buscar a outra que me satisfaga máis que ti».

escuela de padres

Tema do mes: Previr a violencia de xénero desde a familia

Etapa: Infancia e adolescencia.

O dato: O 91 % dos mozos son conscientes das desigualdades entre mozos e mozas (Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Mocidade).

Comportamentos que evitar: Prohibir o uso das redes sociais aos fillos para evitar problemas deste tipo non é a solución.

Algunhas claves: Transmitir aos fillos a idea de que unha relación de parella sa debe respectar o espazo persoal e virtual de cada un dos membros.

Para saber máis: «A orientación: un valor estable» é o lema das IV Xornadas Nacionais de Orientación Educativa que se celebrarán en Pontevedra o 27 e 28 de novembro. Nelas daranse cita, entre outros moitos profesionais, Javier Bahón e Mar Romera, que centrarán as súas intervencións en analizar os novos retos que vivimos, en pleno século XXI, desde o punto de vista das familias e os centros educativos.

Máis información en: http://www.ivjornadasapoegal.es/