Despois de clase, ¿que?

Ana T. Jack

ESCUELA

As actividades extraescolares ben escollidas axudan ao desenvolvemento integral do menor
As actividades extraescolares ben escollidas axudan ao desenvolvemento integral do menor MONICA IRAGO

Dez criterios para escoller ben as actividades extraescolares

14 oct 2015 . Actualizado a las 17:48 h.

Miguel está en 2.º de primaria, un curso máis que a súa irmá Alba. Ambos se levantan cada mañá ás 7.00 para que os seus pais poidan chegar a tempo ao traballo. Quedan no servizo de madrugadores do colexio e xa almorzan alí, con axuda da monitora. As clases empezan ás 9 e acaban ás 2. Comen no colexio, baixo a atenta supervisión dos responsables do comedor, e, tras un recreo de case unha hora, entran na primeira actividade extraescolar. Ás 4 en punto ela vai a patinaxe, el a futbito. Ás 5 a nena engancha con teatro, e o neno con ábaco. Ás 6, hora en que finalizan as actividades do colexio, o seu pai vailles buscar. Pasaron máis de 10 horas desde que non se ven... Xa só queda chegar a casa, merendar e ¿xogar un pouco? Pois non, na mochila tanto Miguel como Alba traen unha ficha a medio facer que deben terminar en casa. Nunha delas hai unha anotación da profesora: «Non quixo traballar nada, estivo nas minchas e non parou de boquear».

Estes nenos do exemplo, cada vez máis frecuentes na vida real, representan aos nenos hiperinstitucionalizados dos que fala Jaume Trilla Bernet, autor da obra A educación fóra da escola. Este experto considera que, a pesar dos indubidables valores formativos das actividades extraescolares, non é en absoluto desexable que a maior parte do tempo dos nenos estea institucionalizada, con actividades estruturadas, dirixidas e supervisadas por adultos. Trilla recomenda combinar estas actividades co non facer nada. É dicir, con momentos de liberdade para xogar, inventar, descubrir, sufrir contratempos ou incluso aburrirse.

Está claro que as actividades extraescolares, hoxe en día, son un comodín necesario para compatibilizar o horario dos pais co dos fillos. E que, ben escollidas, poden axudar a complementar o desenvolvemento integral dos menores. Pero hai que evitar a saturación, que só provoca cansazo, estrés, desmotivación e problemas de rendemento escolar. E entón preguntarémonos, ¿que lle pasa a este neno, que non é capaz de centrarse en nada?

Á hora de escoller actividades

1. Valora a súa opinión. Se odia tocar a frauta ou se ve ridículo asistindo ás clases de bailes de salón, non merece a pena que insistas: acabará por deixalo.

2. Unha vez escollida a actividade, non lle permitas que a abandone. Polo menos, ata que acabe o trimestre. Ten que darlle unha oportunidade.

3. Non lle sobrecargues. É importante que as clases extraescolares non superen as 4 ou 5 horas semanais, dependendo da súa idade e madurez. Se pasa o seu límite, diminuirá o rendemento noutras áreas.

4. Pero tampouco lle deixes perder o tempo: se pasa o tempo libre diante da televisión ou xogando co computador... curta coa situación e proba a que faga algo interesante que lle motive. Non fai falta apuntalo a unha clase.

5. Intenta romper coa rutina. Xa se pasa moitas horas semanais cos mesmos nenos da clase; se ademais comparte con eles as actividades extraescolares e incluso os campamentos de verán? o seu mundo de relacións sociais verase moi limitado. Sempre que sexa posible viralle ben cambiar de aires e de compañeiros.

6. Non o castigues ameazándoo con sacalo da actividade: forma parte do seu desenvolvemento e, se está ben escollida, axúdalle a conseguir o seu equilibrio persoal. Se a un neno nervioso, por portarse mal, quítaselle dos adestramentos de fútbol, é máis que probable que a súa conduta caia en picado.

7. Evita o sexismo: ás nenas vénlles moi ben o xudo ou o futbito, e aos nenos a patinaxe ou o ballet.

8. Intenta equilibrar a súa formación: que as actividades deportivas se combinen coas artísticas ou académicas.

?Deportivas. Axudan ao desenvolvemento físico, a percepción espacial, a coordinación motora, a axilidade e o equilibrio. A nivel social, ensinan a asumir responsabilidades, a asimilar as normas, a aceptar as frustracións e a respectar aos demais. Por exemplo: baloncesto, fútbol, patinaxe artística, ximnasia rítmica, natación ou artes marciais.

?Artísticas. Potencian o gusto pola estética, a creatividade, a imaxinación e a reflexión. A maioría delas desenvolven as destrezas manuais e visuais. Son actividades que ensinan valores como a autodisciplina, a perseveranza e a responsabilidade. Pintura, música, teatro, danza ou manualidades son algúns exemplos.

?Académicas. O obxectivo principal é a ampliación de coñecementos. As máis típicas son o reforzo das materias, a aprendizaxe de idiomas ou a informática.

9. Intenta evitarlle as actividades extraescolares nos recreos de comedor, os sábados, as vacacións... Eses son tempos para relaxarse e facer outro tipo de cousas de forma libre.

10. Asegúrate de que no seu horario semanal hai suficientes ocos... sen actividades programadas de ningún tipo. ¡O seu desenvolvemento intelectual e o seu benestar emocional agradecerano!

Escuela de Padres

Tema do mes: ¿A que dedican o tempo os nosos fillos?

Etapa: Educación obrigatoria.

O dato: O 35 % dos escolares non dispón de nada de tempo para xogar despois do colexio, fronte ao 80 % dos seus pais, que o tiñan de forma habitual na súa infancia (Estudo sobre o xogo e o xoguete na sociedade actual, de Famosa).

Comportamentos que se deben evitar: A obsesión por detectar os talentos nos fillos e preparalos para o seu futuro cun exceso de extraescolares.

Algunhas claves: É necesario compatibilizar estas actividades con tempo libre.

Para saber máis: «Actividades extraescolares: ¿estresamos aos nenos?», en http://bit.ly/1un6BY1

>>> anatjack@edu.xunta.es