Chipchip chipchip... chipchiu-chuurp-chelp ¿Sóache isto?
14 abr 2015 . Actualizado a las 21:24 h.Dá igual se vives no campo ou na cidade, un dos sinais polo que terás notado que a primavera está en pleno apoxeo é a xolda que crean os paxaros. Desde hai semanas, especialmente ao amencer, os seus cantos alagan calquera recuncho onde a natureza pode ofrecerlles acubillo e alimento (parques, bosques, etc.). Igual que as flores dan cor á primavera, os paxaros danlle beleza cos seus sons, con tanta variedade como cores poderiamos contemplar nunha paisaxe. É o momento de aprender a identificalos e a gozar do seu encanto e variedade.
CANTOS E RECLAMOS
A función principal dos sons que emiten os animais é a comunicación. Aínda que o canto adoita ser o máis xeral nas aves, algúns grupos como cegoñas e pelícanos non poden emitir voces, así que producen sons movendo, fregando ou facendo chocar os seus picos ou as súas ás. Os especialistas en aves adoitan distinguir os cantos, importantes no cortexo e apareamento, doutros sons. Os reclamos, por exemplo, están máis relacionados con avisos como os de alarma. Son sons breves, sinxelos, compostos por unha ou dúas sílabas. Os cantos, con todo, consisten en longas secuencias de notas harmoniosas que as aves emiten seguindo secuencias e patróns ben definidos nos ritmos e os seus tempos. É dicir, son auténticas melodías.
Grazas a estes sons as aves poden manterse agrupadas, avisar a outros individuos sobre onde hai alimento ou alertalos sobre a presenza dun depredador. Pero é na reprodución onde os cantos adquiren maior protagonismo. En principio serve para identificar o sexo dun individuo, pois en moitas especies só cantan os machos e o seu canto actúa como un estimulante que invita ás femias a reproducirse; pero tamén serve despois para identificarse fronte á súa parella, para defender un territorio e para avisar aos pitos que chegou a hora para comer.
O canto da maior parte das especies varía ao longo do día e do ano. É dicir, que seguen ciclos anuais e diarios. O canto primaveral dos tordos e outras moitas especies é máis forte e continuo durante os amenceres e anoiteceres, e diminúen durante o resto do día. As pombas, con todo, só cantan cara ao mediodía. E as aves nocturnas tan só emiten sons cando chega a noite.
O INSTRUMENTO CANTOR
As aves non teñen cordas vocais como os seres humanos pero poden producir unha gran diversidade de sons grazas a unha estrutura que se denomina sirinxe. Atópase no sistema respiratorio, situada ao final da traquea, onde esta se ramifica para formar os bronquios que se dirixen aos pulmóns. Por iso, igual que as cordas vocais, a sirinxe tamén pode emitir sons cando o aire pasa a través dela. Esta estrutura vén ser unha parte do tubo traqueal na que este se dilata e forma unha caixa de resonancia. Igual que a traquea, a sirinxe está rodeada de aneis cartilaxinosos, pero posúe músculos que amplían ou reducen o diámetro dos aneis para regular a cantidade de aire que pode pasar. Ademais, na parte interna teñen un ou dous pares de membranas vibratorias cuxo grosor e apertura varía nas diferentes especies de aves.
As aves que se clasifican como paseriformes, é dicir os paxaros (xílgaro, canario, merlo, pardal...), son as que mellor cantan. A súa sirinxe pode ter ata nove músculos asociados aos aneis cartilaginosos. Con todo, noutros grupos tan só existen dous músculos, polo que a súa capacidade de canto é moito menor: é o caso de patos, pombas ou gaivotas. Tamén inflúe moito a cantidade de membranas vibratorias que posúen. Algunhas especies, como os tordos, poden ter dous pares, e facelas vibrar de forma independente, polo que poden emitir dúas notas musicais ao mesmo tempo, ¡coma se unha soa persoa puidese cantar como un dúo de voces!
O tamaño da caixa de resonancia (igual que como sucede nos instrumentos musicais) tamén inflúe no son. Os gansos e patos, por exemplo, que teñen unha sirinxe grande, adoitan emitir sons roucos e resoantes. E o tamaño das aves tamén adoita influír. As aves nocturnas, os grous e os corvos emiten sons graves, mentres que os paxaros cantan con voces máis agudas.
Herdanza e aprendizaxe
A capacidade para o canto ten certo parecido coa da fala nos seres humanos. Nacemos con ela, aínda que necesitamos aprendela dos nosos maiores. Algo similar sucede cos pitos, que son capaces de emitir algúns sons de forma innata, aínda que o desenvolvemento do canto conségueno coa idade e a aprendizaxe mediante exercicios de imitación. Así, nalgúns experimentos incluso se conseguiu que un pito dunha especie (liñaceiro) aprendese o canto doutra (laverca). Ademais, nalgunhas especies, o canto tamén mostra dialectos, é dicir, lixeiras variacións de forma segundo as poboacións xeográficas nas que creza un pito. Sería parecido ao que sucede cos idiomas humanos. O galego que se fala na costa de Lugo, por exemplo, é lixeiramente diferente do que utilizan os habitantes das Rías Baixas.
A capacidade de aprendizaxe que teñen algunhas aves para imitar sons alcanza a súa maior expresión nos loros e papagaios , pois chegan a reproducir unha gran variedade de sons, incluíndo a voz humana. Ás súas estruturas vocais, estes engaden unha lingua robusta que poden empregan para modular os sons. Pero tamén existen especies capaces de imitar o canto doutras aves, ladridos de cans ou miaños de gatos.
ACTIVIDADES
1. A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO-Birdlife) ten unha páxina web na que podes buscar calquera ave do noso país. E nas fichas de cada especie ofrécenche a posibilidade de escoitar os seus cantos e reclamos:
- http://www.seo.org/listado-aves/?
2. Intenta escribir a onomatopea dos sons que emiten os paxaros máis característicos do lugar onde vives (pardal, laverca, paporrubio, xílgaro, ferreiriño, pomba, gaivota...). Na páxina web anterior poderás buscar despois como a expresaron os ornitólogos.
3. Entre varios compañeiros podedes xogar a adiviñar a que ave pertence un canto. Un será o que elixa o canto e o faga soar desde a páxina web recomendada; os demais poderían pedirlle pistas ata acertar a especie.
4. Cando coñezades unas cantas, poderedes identificar as aves que se atopan nun lugar sen necesidade de velas directamente.
Cucú, cucú
- ¿Oíches este ano o canto do cuco? Cucú, cucú... Hai un par de anos, La Voz de la Escuela abriu un rexistro de observacións da chegada do cuco a Galicia no que participan centos de escolares e profesores de toda a comunidade. Os datos recibímolos por correo electrónico dirixidos a prensa-escuela@lavoz.es. Os observadores debedes indicar cantos cucos oístes, o nome de quen ou quen o escoitastes, a hora, a data e o lugar (parroquia, municipio, provincia) e, se é posible, as coordenadas X e Y.
- A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) colabora desde o 2013 neste proxecto de procura do cuco en Galicia. Se queres saber máis acerca das súas actividades podes visitar a súa páxina web nesta dirección: www.sgosgo.org