A discusión da noticia en grupo

Jesús Garrido | cursosrepeducador.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

Carlos Ocampo

14 ene 2015 . Actualizado a las 11:32 h.

O Programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia comezou a editar unha serie de e-studos de noticias sobre a técnica da discusión da noticia en grupo (DNG) que facilita a profesores e alumnos o debate en equipos sobre algúns dos acontecementos principais de cada mes. Para a edición destes e-studos, que poden consultarse xa en www.prensa-escuela.es, sérvese de A noticia do día, que cada mañá, a partir das 9, se publica na web. A noticia do día ten a vantaxe de que se trata xa dun texto seleccionado para os alumnos polo seu interese e accesibilidade e, por outra banda, vai acompañada de actividades e de ligazóns dixitais que servirán para que o grupo se decate a fondo de que se trata e cales son os puntos que axudan mellor a ver os posibles enfoques e incluso controversias que han de aclararse entre todos.

1. ¿COMO SE ELIXE A NOTICIA DNG?

Proponse, polo menos, unhas dez noticias para que se elixan durante o mes as que máis conveñen para o interese e idade dos que forman o grupo de discusión DNG.

- Suxírese que o condutor do grupo informe sobre as particularidades de cada noticia elixible e, divididos en parellas, propoñan a noticia que consideran máis útil para a discusión: pola súa importancia, interese e diversidade de matices ou enfoque que ten.

2. AS SETE CLAVES PARA A DISCUSIÓN

Unha estrutura fácil que axuda á discusión é que os alumnos co seu profesor utilicen as sete claves coñecidas para analizar unha noticia e que adoitan dar xogo variado a unha DNG e que sempre facilitan un enfoque distinto á noticia que se discute.

- Non é o mesmo fixarse no quen da noticia e en que sentido lle afecta como axente ou paciente do que sucedeu que fixarse no tema ou no que se discute. Ou no onde, o por que, o como, o cando ou o canto, que levan consigo un significado e enfoque distinto da noticia.

- Co fin de coñecer e practicar máis a fondo sobre estas 7 variables, cada e-studo de noticias insiste especialmente nunha delas. Por exemplo, un e-studo fíxase principalmente no quen, o seguinte no que e así sucesivamente.

3. DIVERSAS TÉCNICAS PARA A DISCUSIÓN EN GRUPO

Existen moitas técnicas e estratexias que nos axudan a estruturar a nosa discusión en grupo para que sexa máis efectiva: casos, diálogos simultáneos, enquisa inmediata, entrevistas, xogos, simulacións, role playing, tribunais, promoción de ideas, escaleira do conflito...

- Ao longo dos e-studos DNG iremos citando algunhas para que nos axuden a unha dinámica máis efectiva.

4. O E-STUDO DNG (1): IMPORTANCIA DA DISCUSIÓN EN GRUPO

¿Fixácheste, por exemplo, cantos programas de discusión en grupo hai na tele que se refiren a noticias que van sucedendo cada día? Son tantos e tan frecuentes eses programas que a discusión ás veces chama máis a atención que a noticia mesma.

- Busca, por exemplo, na páxina de Opinión do xornal cantos títulos existen que se refiren a noticias.

- O e-studo DNG (1) recolle unha serie de títulos da noticia onde figura a palabra discusión ou outras similares: concelleiros encerellados en discusións sen fin, un home dispara a outro por unha discusión sobre Kant, unha pelexa entre inquilinos dun piso acaba con desfeitas nun edificio, non me grites, que me enfermas...

- ¿Saberemos discutir e chegar a acordos sen tanto lea? ¿É importante saber discutir en clase? ¿Que vantaxes ten esa frase: Discutir para aprender?

- ¿Sabes cantas vantaxes leva consigo o saber discutir ben? Pois os expertos da educación do sentido crítico sinalan polo menos 20 logros que conseguen as persoas que practican a técnica da discusión en grupo, ademais de arranxar bastante ben os problemas que producían o conflito. Alí as tes, no e-studo DNG (1).

5. NO E-STUDO DNG (2) FIXÁMONOS NO QUEN DA DISCUSIÓN

En primeiro lugar proponse, para a súa selección, 13 noticias, especialmente escollidas na sección A noticia do día de Prensa-Escuela.

- Todas esas noticias teñen un quen axente ou paciente dos feitos que se comentan. Podedes elixir a noticia que máis vos guste para discutir en grupo.

- Ofrécese como estratexia dinámica a técnica de casos, que presenta 12 pasos para chegar a conclusións suficientemente admitidas por todos.

6. UN TERCEIRO E-STUDO DNG (3) CON BASE NO QUE DA NOTICIA

Propomos 10 situacións para discutir sobre os feitos, sucesos, acontecementos que adoitan agruparse en torno ao que da noticia.

- Utilizamos alí a técnica tribunal na súa versión ampla, cos personaxes clásicos, ou de xuízo breve e instantáneo.

- Analizamos as tres actitudes máis comúns ante a discusión en grupo de algo que nos interesa a cada un e non sabemos ceder, ou logramos enseguida un acordo razoable e comprometido: Eu gaño / ti perdes, Eu perdo / ti gañas, Os dous gañamos.

- E ofrecemos, como sempre, unha avaliación sobre a dinámica establecida.

Sitio dos e-studos de noticias: http://bit.ly/1KrKunL