Unha proposta para vivir dun xeito activo e participativo a ciencia desde a escola
28 may 2014 . Actualizado a las 12:42 h.Go-Lab é un proxecto no que participan 19 institucións científicas e educativas de 12 países europeos. O seu portal, www.golabz.eu, ofrece acceso en liña a unha ampla variedade de laboratorios de organizacións científicas de prestixio, como o CERN (en Suíza), a Axencia Espacial Europea (en Holanda) e o Núcleo Interactivo de Astronomía (en Portugal), entre moitas outras. É un recurso educativo innovador que abre estes laboratorios on line a alumnos e profesores de todo o mundo.
O que propón Go-Lab é deseñar actividades de aprendizaxe centradas en experiencias científicas que parten do uso dos laboratorios en liña propostos polo proxecto. ¿Como levalo a cabo? En primeiro lugar, utilizando unha tecnoloxía innovadora como son os laboratorios remotos e virtuais. En segundo lugar, integrando estes laboratorios nunha contorna pedagóxica moderna e contrastada. E, para rematar, compartindo entre escolas, profesores e actores institucionais o camiño percorrido.
APRENDER INDAGANDO
A aprendizaxe por indagación é unha das prioridades educativas en Europa. Coñecido como IBS polas súas siglas en inglés (Inquiry Based Learning), busca que o alumno aprenda a utilizar as ferramentas básicas da ciencia: preguntar, observar, comparar, medir, experimentar, interpretar datos, concluír, compartir...
Unha das propostas máis importantes de Go-Lab é o Inquiry Learning Space, ou ILS. Neste espazo, os profesores atoparán propostas deseñadas para aprender nesta clave para as súas clases e os seus alumnos. Son espazos que unen todas as ferramentas que ofrece o portal, ademais de propor a posibilidade de compartir os recursos entre profesores e lles permite adaptar cada proposta á súa aula.
Un ILS propón varias etapas de aprendizaxe:
n Para empezar: os alumnos reúnen información sobre a pregunta proposta e elaboran unha hipótese do que queren investigar. Nos ILS do portal estarán dispoñibles recursos para esta tarefa, como mapas conceptuais, cadernos de notas e elaboradores de hipóteses.
n Seguimos: chega a investigación e é cando ten lugar a interacción cos laboratorios en liña e as app dispoñibles no portal. Toca explorar, experimentar, interpretar datos, comprobar se a hipótese proposta é correcta ou non...
n E concluímos: os alumnos aprenden como expresar as súas explicacións científicas segundo a hipótese proposta e coas evidencias recollidas durante a investigación. Trátase de reflectir os resultados, comparar, debater cos outros estudantes...
Os ILS pódense utilizar tal e como están presentados no portal ou poden ser modificados, adaptados e redeseñados na súa totalidade polo profesor.