O superpoder da imaxinación

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un novo selo editorial achega soños e aventuras de papel a rapaces de entre 5 e 15 anos

23 oct 2013 . Actualizado a las 12:22 h.

«Como non son filla única, miña nai considera que non necesito videoconsola». Son palabras de Amabel, un ser de ficción con moita humanidade, e non brotaron aquí por arte de maxia; xuntounas un teclado como o da máquina que ves na foto. Quen preme as teclas é Érica Esmorís, un ser real co superpoder da imaxinación. Ela é a autora de Amabel e desas palabras que abren un dos capítulos desta historia editada polo novo selo Sushi Books e que se presentará o día 7 ás 19.00 horas no centro Ágora, na Coruña. Aínda que agora traballa con ordenador, Érica non se desfixo dese aparello no que escribía contos e periódicos sobre a actualidade familiar. ¿Cales eran as noticias da casa? «Por exemplo, que miña nai fixera macarróns», di entre risos a creadora dunha pequena con gafas en busca do seu poder especial. A escrita revelaralle cal é tras un cento de páxinas.

Amabel ten unha ollada singular, unha avoa cómplice, un pai que está no paro e unha nai que fai o que pode dadas as circunstancias. Aínda que esa nai é a de Amabel, non a de Érica, a autora di que a súa familia ten un aire coa desta historia. A nai e a escrita gardan un vínculo especial, como un cordón umbilical de palabras que fan historia, pois a vella máquina de Érica herdouna a súa nai dun avó que a trouxera de Venezuela. «Eu collina prestada -confesa a escritora-. Con ela escribín moitos contos coa miña irmá, Mara». Máis sucedeu que un día Érica, pasado o tempo, viu nun contedor... ¡a súa máquina de escribir! Rescatouna e hoxe a Brother Deluxe 900 vive con ela na cidade vella da Coruña.

¿De onde viu Amabel? Máis de Caión que de París. Érica non recorda «o chispazo», pero tivo o final da historia antes de nada. «Ese final levoume a coñecer os problemas e as aventuras de Amabel». A autora fala moito do desenlace deste divertido relato que comeza cunha nena sen dentes, obsesionada cos cambios. «Penso que é un final que toca o corazón», di a autora. Amabel ten un gran poder, «o único capaz de cambiar o mundo».

Érica Esmorís (A Coruña, 1977) di que os rapaces non precisan un poder fantástico para cambiar o mundo, abonda coa súa ollada. «Moitas veces, cando tes pos a xogar con eles, esqueces os problemas. Eles libérante, ensínante a alegría dos instantes», afirma. Admiradora de Pippi Langstrumpf e da maxia dos libros de ficción, de nena Érica quería ser veterinaria e escritora. E aquí está, agardando ao lector cos ollos chiscados e un sorriso no beizos, «O poder de Amabel», que sairá en breve en castelá. Ademais de a disfrutar desta aventura, Érica invita a seguir algúns consellos para escribir:

¿Qué necesitas para poñerte a escribir?

n «Non se precisa lapis e papel. Coa mente é suficiente, pero hai que ter un pouco de memoria. Proba a pensar».

n «Unha idea pode ser o inicio dunha historia. A historia crece non só cando estás sentado diante do ordenador, senón tamén cando estás xogando, comendo ou vendo a televisión».

n «Cando tes unha historia, anímate a compartila con alguén. Para iso o mellor é poñela en papel. Axuda facer un guión e tamén escribir varios borradores con todo o que se che ocorra».

n «Podes buscar fotos que che digan algo ou te inspiren. Eu nesta historia mirei fotos de nenos que me facían imaxinar a clase de trasnadas que podía facer Amabel».