Baiuca: «En Sudán viamos ao lonxe o fume dos pneumáticos ardendo, pero non tivemos sensación de perigo»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

INTERNACIONAL

Alejandro Guillán -segundo pola dereita- co equipo de Baiuca á súa chegada a Madrid
Alejandro Guillán -segundo pola dereita- co equipo de Baiuca á súa chegada a Madrid

O catoirense Alejandro Guillán relata que o seu grupo estivo sempre seguro na embaixada española, malia o golpe militar

05 nov 2021 . Actualizado a las 21:49 h.

Alejandro Guillán (Catoira, 1990) é o home detrás Baiuca, un proxecto que permite á musica galega borrar fronteiras coa súa relectura dos sons tradicionais en código electrónico. Unha desas fronteiras é a de Sudán, que Baiuca e os outros catro membros do seu equipo salvaron o 24 de outubro para pechar o festival Sama Music. O golpe militar do xeneral Abdelfatah al-Burhan, asestado aquela mesma madrugada, obrigounos a ficar durante cinco días incertos na embaixada española en Xartum e a protagonizar unha extenuante viaxe de regreso. O primeiro que el e a súa xente fixeron ao aterrar en Madrid, recoñece, foi tomar unha cervexa cos amigos: «Despois daquela especie de confinamento e dunha volta tan longa, apetecía estar na rúa».

—Un bo susto, non?

—En realidade foi máis o que se falou e viviu a xente dende aquí. Nós estabamos ben. O peor foron as 36 horas de viaxe para volver.

—Como xurdiu a participación de Baiuca no festival Sama?

—Foi unha iniciativa da embaixada española en Sudán. Eles colaboran co festival, xunto a embaixada italiana, unha institución británica e outra francesa, propoñendo cada ano un artista. Neste caso chamáronnos a nós. Sempre tento que o noso proxecto saia fóra e viaxar a outros lugares do mundo. De feito, estiven hai algunhas semanas en Colombia e Ecuador. E seguireino facendo.

—Era a primeira vez en África?

—Non. Estivera xa en Tetuán. E este ano, aínda que non viaxamos, gravamos un concerto en liña para un festival en Sudáfrica. Obviamente, todo isto foi inesperado. Viaxar cunha institución, ademais, aporta seguridade. O Ministerio de Asuntos Exteriores sabe onde estás. Nós durmiamos na residencia da embaixada e non chegamos a saír de alí.

—Non tiveron, entón, a oportunidade de interactuar coa xente.

—Chegamos o domingo á noite. Fomos durmir tranquilamente. E o luns había un golpe de Estado. Foi a policía da embaixada a que nos dixo que quedásemos alí. Era o lugar máis seguro de Xartum. Así que non tivemos esa oportunidade. Iamos facer algunhas cancións cuns grupos sudaneses. O luns e martes tiñamos ensaio con eles, e queriamos probar que música nova podería saír desas sesións. Foi unha mágoa.

—Polo que coñecíamos dende aquí, estaban incomunicados.

—Os militares cortaron as conexións a Internet, pero estabamos informados en todo momento pola policía, o persoal da embaixada e o encargado de asuntos consulares, Alfonso Herrero. Tiñamos que comunicarnos coa familia a través da embaixada, que está a cinco minutos en coche da residencia. Como non era seguro que nós saísemos, enviabamos mensaxes a través deles. De todos os xeitos, o martes houbo unha hora de conexión e si puidemos falar, e o xoves puidemos ir á embaixada para poder facer o papelexo da viaxe de volta.

—Sentiron perigo real?

—A residencia non está nunha das zonas de enfrontamento. Si viamos ao lonxe o fume dos pneumáticos ardendo, pero nunca tivemos sensación de perigo ou de que fose pasar algo. A verdade é que é unha mágoa para a xente, que viña dunha longa ditadura e semellaba albiscar un cambio logo da revolución do 2019. Agora todo son incógnitas.

—E volver foi unha odisea.

—Foi. Voamos de Xartum a Adís Abeba o venres ao mediodía, e dende alí a Roma, onde tivemos que quedar doce horas no aeroporto porque Sudán está considerado un país de risco dentro da escala covid italiana e obrigaríannos a facer corentena. Logo a Madrid, de Madrid a Galicia, e eu a Barcelona, que é onde resido dende hai un par de anos.

—E a música? Hai datas en Galicia.

—Hai. Os días 11, 12 e tamén o 13 para recolocar un montón de xente na sala Capitol de Santiago, porque hai confusión co tema do aforo e sería bo que a Xunta o aclarase. E o 14 en Pontevedra.

—Ten gañas?

—Moitas. Teño moitas gañas de ver a xente de pé e bailando, que ao final é o que transmito nos concertos. Foi moi duro todo este tempo e para min estas datas de presentación de Embruxo, o novo disco, son moi importantes.