Membros das peñas máis antigas do equipo vigués, referentes para as que acaban de chegar, reflexionan sobre as claves para perdurar no tempo
23 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Celta, que este domingo cumpre 103 anos, conta actualmente con máis dun cento de peñas que aglutinan a seareiros comparten este sentimento. E entre as máis antigas, que levan máis de media vida do club acompañándoo, e as de máis recente creación median 57 anos. Colectivos como os de Noia, Vilalba, Ponteareas ou Porto do Son funcionan como exemplos e referentes para Europa Celta, Afoutea Yoel Lago ou As Celas Paula Lorenzo, as últimas incorporacións, que soñan con perdurar no tempo como o fixeron as decanas.
Carlos García Fraga (Peña Celtista de Vilalba): «Sentabamos tomar unhas tazas, metiamos moedas nun bote e cando tiñamos suficiente, marchabamos a Balaídos»
É unha realidade palpable que son moitas as peñas que nacen con forza, pero despois duns anos, caen na inactividade. Cal é o segredo para que iso non ocorra? Carlos García Fraga, socio fundador da Peña Celtista de Vilalba, de 79 anos, teno claro: «O único segredo é a fe no Celta. Hai que mantela, tanto ten que estean en Primeira, en Segunda ou onde sexa. Lembro cando nos xogamos o descenso contra o Levante hai anos, que levamos unha pancarta que poñía: ‘Con Levante o sen Levante, seguiremos adiante’», lembra.
No seu caso, o xerme da peña está nun grupo de amigos que «sentaban a tomar unhas tazas e de cando en vez ían a Vigo» xa nos anos 40. «Iamos botando moedas nun bote e cando tiñamos suficiente, marchabamos a Balaídos. Logo, a peña fundouse oficialmente no 69, aí foi cando se inscribiu con todas as da lei». Sempre pensou que aquilo ía para longo e non se equivocou. «Se estabamos dispostos a facer eses 200 quilómetros cando levaba máis de catro horas... Agora é máis doado. Somos unha peña excursionista e temos moitas anécdotas, como cando se avariou o coche e veu a Garda Civil, que andaban buscando a un fuxitivo», relata entre risas.
O seu consello para as agrupacións celtistas que empezan é manter sempre esa fe que insiste en que é a clave. «Hai que crer no noso equipo, acudir aos partidos e animar sempre, xoguen ben ou xoguen mal. Non se pode abandonar nunca o barco», subliña quen foi o presidente da peña vilalbesa e cuxas fillas e netos tamén son integrantes desde que naceron.
Leer más: Vilalba, la decana de la fe celtista
Xosé Manuel Alonso (Peña Celitsta de Porto do Son): «Os celtistas temos que estar nas boas e nas malas, en Primeira e en Segunda»
Xosé Manuel Alonso leva desde pequeno na peña de Porto do Son, entre cuxos fundadores está o seu tío, Agapito, que segue vivindo el celtismo con paixón, pero cuxa saúde xa non lle permite estar ao pe do canon como directivo. El non leva a conta do tempo que leva na directiva, pero non é pouco. «A peña é oficial desde 1993, pero funciona desde os 60. Nas casas, nas familias, incúlcase o celtismo desde pequeniños. Sabendo que temos que ser celtistas nas boas, nas malas, tendo títulos, sen telos, estando en Primeira, en Segunda... E agora desfrutando de que temos un equipo que nos dá moitas alegrías», celebra.
Para Alonso, a clave para a supervivencia conforme pasan xa non os anos, senón as décadas, é «paciencia e inculcar ben o que se leva no sangue». «E despois, hai moito que traballar, ir pouco a pouco. Levar unha peña, ou calquera asociación, non é doado: hai estatutos, papeleo, organizar viaxes, sufragar gastos… Hai que pelexar todos os días un pouquiño e ser valentes», aparte de moi celtistas. «No noso caso, toda a familia. Xa lles digo aos fillos que hai que ir tomando o relevo na peña. Hai que ir metendo xente nova e dando paso ás seguintes xeracións», sinala. Así leva sendo desde que Francisco Olveira fundou unha peña que hoxe preside Ángel Vázquez.
José Ramos (Peña Celitsta de Noia): «É unha responsabilidade manter a peña logo de tantos anos, pero falo con moito agarimo e gusto, porque somos celtistas»
José Ramos preside a Peña Celtista de Noia, outra que vai camiño dos 60 anos de historia. «Somos das máis antigas. É unha responsabilidade seguir manténdoa despois de tantos anos, pero falo con moito cariño e con gusto porque somos celtistas. Temos unha boa cuadrilla e de aquí sae un autobús a Vigo sempre que xoga o Celta. Estamos contentos», di sobre a peña e sobre o momento actual.
Á pregunta de como se consegue seguir sumando anos durante tanto tempo, atribúeo á gran afección existente no pobo. «Aquí gusta moito o Celta, hai moito celtismo. Os recibos da cota xa moitas veces veñen a pagalos sen que llo teñamos que lembrar. É algo que forma parte das nosas vidas, que xa se dá por feito», di sobre unha agrupación que anda agora mesmo polos 175 socios, o máis vello, de 96 anos.
Ás peñas novas pensa que hai pouco que dicirlles porque «cando se meten nisto é porque xa lles gusta o Celta e iso é o máis importante». «Si que lles diría que hai momentos bonitos e outros, non tanto, como con todo. Hai que saber perder, pero cando o Celta estivo na Segunda B, desde aquí iamos a Vigo igual que cando estaba en Primeira. Unha peña nova que se funde ten que ter iso claro», recomenda. Pero non dubida que será así, vendo a saúde actual do celtismo: «Estamos nun momento precioso, co filial en Segunda, con moitos rapaces».
Susana (Peña Celtista de Ponteareas): «Mi padre fue uno de los fundadores y esperamos seguir cumpliendo muchos años»
A Peña Celtista de Ponteareas foi fundada en maio de 1969 e entre os seus fundadores está José Marcos Benito Varela García Ramos, o pai de Susana Varela Alvarellos, a súa actual presidenta; el otro, Manuel Davila Sobral, falleció el año pasado. «Mantener una peña tantos años conlleva un gran trabajo y responsabilidad. Yo intentaré, el tiempo que me lo permitan, seguir cumpliendo muchos años», afirma.
Aínda que parte de que implica «mucho tiempo y dedicación» para facelo posible, ten claras as claves que darlles aos que dan agora os seus primeiros pasos neste mundo das peñas: «Que lo tomen con ilusión y paciencia y que busquen apoyo en la gente de la peña», porque repartir o traballo tamén é importante. E se esa dedicación non lles pagase a pena, non terían chegado tan lonxe e aspirando a seguir facendo celtismo.
As novas peñas celtistas
Samuel Certal (Afoutea Yoel Lago): «Valoramos moito ás peñas que levan décadas acompañando ao Celta e mantendo vivo este sentimento de xeración en xeración»
Afoutea Yoel Lago, con sede en Mondariz está dando os seus primeiros pasos e fixándose nos que levan moito camiño percorrido. «Nós, como peña celtista nova, valoramos moito a todas esas que levan décadas acompañando ao Celta, formando parte da historia do club e mantendo vivo o sentimento celtista xeración tras xeración», di Samuel Certal, o seu presidente. Considéraos «un exemplo do que significa ser unha peña celtista, estar co Celta nos bos momentos, pero sobre todo nos malos; viaxar, animar e crear ambiente arredor dunha paixón que vai moito máis alá do fútbol».
Desde a humildade de quen acaba de chegar, non renuncia ao anhelo de que o seu proxecto case recén nacido -hai máis dun ano, pouco tempo aínda fronte aos máis de cinco decenios das decanas- poida chegar a soprar un número alto de candeas. «Oxalá algún día poidamos mirar atrás e dicir que a nosa peña tamén leva décadas acompañando o Celta», apunta. Desde logo, están poñendo toda a súa enerxía en facer as cousas ben e iso xa o teñen en común, xunto coa paixón celeste: «Se perduran tanto no tempo, algo bo teñen que estar facendo».
Juan Elías (Europa Celta): «Pola distancia, impresiona pensar en que poidamos chegar a tanto como as peñas mais antigas»
No caso de Europa Celta, colectivo celtista de Bruxelas creado o ano pasado, «impresiona pensar en chegar a tanto como as peñas mais antigas, máis que nada, pola distancia», di o seu vicepresidente, Juan Elías. «Faise mais dificil ter masa critica e sobrevivir aos fundadores iniciais nas peñas de fóra, foi un dos temas que enviamos á Federacion de Peñas para tratar e estamos a espera de obter resposta do club sobre algunhas propostas que fixemos», detalla.
Leer más: Un «consulado» do celtismo en Bruxelas
Dende a distancia, alégranse dos éxitos do equipo tanto coma os que están en Galicia, sinala. Pero a un tempo recoñece que «o sentimento é estraño». «Desde lonxe, ver a miles de persoas gritar un gol no estadio ou a decenas deles nun bar sede dunha peña non é igual que cando estamos uns cantos por Bruxelas e o club non é o mais coñecido». Isto implica loitar por ter unha pantalla para o teu partido diante de partidos da liga inglesa ou italiana, por exemplo. «Ainda asi sempre quedas con a parte mais social da peña, eses momentos pequenos nos que alguen pregunta é de que equipo sodes: Celta de Vigo e che responden con o xogador que a eles lle recorda o clube;en xeral, Iago Aspas», conta.
Polo de agora, van polo bo camiño: «Espero que a nosa peña poida aguantar moitos anos e que o que está por vir sexa mellor que o xa vivido. O Celta pode estar seguro que desde Bruxelas e desde Europa hai moitos afecccionados gritando por eles en cada partido».
Begoña Fernández (Peña As Celtas Paula Lorenzo): «Que as peñas perduren significa que o Celta segue sendo motivo de orgullo»
A última na lista da Federación de Peñas do Celta é As Celtas Paula Lorenzo, que plasma o interese que xerou no celtismo a creación do equipo feminino hai dous anos longos. «Que as peñas perduren no tempo está moi ben, significa que a xente se segue xuntando, que o Celta segue sendo un motivo de orgullo. Hainas en moitas partes do mundo, ata en Nova York, e que leven o nome de Galicia polo mundo tamén é un orgullo», sinala Begoña Fernández. Pola súa banda, traballará para que a súa non sexa tampouco flor dun día.