As peñas celtistas europeas buscan vías para «ser útiles e importantes lonxe de Galicia»
GRADA DE RÍO
Europa Celta impuslou un encontro con motivo do seu primeiro aniversario no que participaron London Celtas e Die Himmelblauen
05 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A peña celtista de Bruxelas, Europa Celta, celebrou a pasada fin de semana o seu primeiro ano de vida cun programa de actividades que incluíu un encontro con outras agrupacións europeas. En concreto, estiveron representadas London Celtas e a alemá Die Himmelblauen. «A idea xurdiu cando falei cos peñistas de Dinamarca no encontro de Zagreb. Ao final, eles non puideron vir, pero foi así como se me ocorreu propor un encontro para ver as problemáticas que temos e como resolvelas, así como ser útiles ao club na distancia e como eles poden axudarnos na distancia tamén», di Pinto, un dos impulsores da agrupación anfitrioa.
Leer más: Un «consulado» do celtismo en Bruxelas
Parte de que «a relación na distancia é mais difícil, xa que se percibe menos a ledicia ou tristeza» que podan sentir cando median tantos quilómetros. «Sacamos algunhas ideas en común e algunhas propostas» coas que espera que «se todo vai ben, algunha cousa poda cambiar». Van aos poucos, con pequenas metas e sendo realistas. «Non creo que vaia ser brutal pero creo que algunha cousiña podería axudar», sinala sobre esas cuestións que abordaron e que contan con facer chegar ao club froito desta xuntanza.
Os outros colectivos participantes tamén levaron moi boa impresión. «Falamos de como facernos máis visibles para que se nos atope máis facilmente. Tamén estivemos dialogando e compartindo experiencias sobre como manter á xente unida dentro da peña», conta Rubén Iglesias, da peña alemá, que acudiu xunto á súa parella, Janina. «Foi unha iniciativa moi boa, vese que queren facer un montón de cousas, aportar novas ideas ao mundo das peñas e ver de que forma podemos ser importantes as peñas lonxe de Galicia»
Coincide María Sabarís, de London Celtas. «É moi importante que as peñas creen sinerxias entre elas para axudarse. Imos creando como unha cadea a de axuda, porque ás veces estamos perdidos cando queremos crear unha», explica. Pois aínda que a Federación ten moi boa vontade, non é doado «coñecer a realidade do país» no que está cada un e as esixencias a nivel burocrático que tanto dificultan a tarefa. Pero ademais diso, tamén se abordaron os problemas que seguen afrontando na actualidade.
A peña de Londres xa cumpriu os dez anos e Sabarís constata que levan moito vivido. Así, pode falar con coñecemento de causa da evolución desde o club, que cada vez se achega máis e ten máis coñecemento das peñas foráneas. «Lembro que hai uns anos, viñeron a Londres e fixeron uns vídeos con xente random na rúa, turistas que atoparan, cando había unha peña en Londres e podían ter chamado á porta perfectamente. Parecéranos unha falta de respecto», sinala. Era outro equipo de comunicación e aquilo quedou atrás. «A relación coas peñas de fóra mellorou moito. Supoño que agora entenden que somos pequenas comunidades celtistas que queremos estar preto do noso club xa que non podemos ir a Balaídos cada quince días», subliña.
Teñen claro, en palabras de Sabarís, que os peñistas espallados polas agrupacións de Europa son «catro gatos en comparación coa masa de peñistas que hai alá», de aí que sumar forzas e colaborar entre eles sexa aínda máis importante. Poñen os autobuses como «exemplo estúpido» de vantaxes da Federación das que non teñen opción de beneficiarse por motivos obvios. Teñen outras realidades e necesidades e aspiran a facelas máis visibles indo da man. Este encontro ten vocación de repetirse nos vindeiros anos, e esperan que sexa cun maior número de colectivos representados.