O Celta fai balance do 2025: «Hai anos que non se esquecen»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

SERGIO REYES ROBLEDO - LOF

O club fala de doce meses para «para gardar na memoria e no corazón» de cantos senten o escudo celeste

01 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Na tarde do 31 de decembro do 2025, o Celta publicou un texto facendo balance do ano que quedaba atrás. «Hai anos que non se esquecen. Anos que non se explican con números nin con clasificacións, senón con sensacións. O 2025 foi un deses. Un ano para gardar na memoria e no corazón de todos os que sentimos este escudo como parte da nosa vida», valoran.

Sinalan que pechando os ollos, a moitos celtistas se lles virá á cabeza unha mesma imaxe e sensación, a da clasificación para Europa ao vencer ao Xetafe. «Última xornada de Laliga. O Coliseum tinguido de celeste. Miles de celtistas lonxe de casa, pero como na casa. O balón viaxa das botas de Williot ao segundo pau e alí aparece el, Iago Aspas, para empuxala dentro e desatalo todo. Un gol que escribía unha páxina máis na historia deste club. Un gol que arrincaba unha espiña cravada oito anos atrás. Un gol que non só valía unha clasificación europea, senón que resumía o que somos. Un gol que é pura emoción», subliñan.

Consideran desde o Celta que ese  instante supuxo «o final perfecto a unha tempada cunha idea clara, traballada con paciencia e convicción. Unha idea que non se entende só desde o céspede». En engaden que isto só se entende «desde a identidade». «Desde un proxecto da casa que seguiu botando raíces, coa canteira gañando protagonismo e cun equipo que nunca perdeu a conexión coa súa xente. Balaídos volveu ser ese lugar onde as emocións flúen, onde todos empuxamos a unha e onde cada xornada a nosa casa convertíase nun auténtico fortín», celebran botando a vista atrás.

Non se esqucen de lembrar «a cifra histórica: 40.000 celtistas repartidos por todo o mundo» que acadaron co pequeno Roi nin do vivido con As Celtas. «Na súa primeira tempada, lograron dous ascensos e asinaron un ano histórico, confirmando que aquel proxecto que naceu desde a ilusión xa é toda unha realidade», manifestan. Ademais, mencionan a escola de Senegal, os avances de Celta360 e a certificación BREEAM Urbanismo, que «converteu ao Celta no primeiro club do mundo en conseguir esta distinción».

 

«Foron doce meses intensos, cheos de momentos difíciles de resumir nunhas liñas», sintetizan. Pero afirman que se algo deixa este ano «é a certeza de que o mellor de todo foi vivilo xuntos». «Compartir unha paixón que ás veces nos fai rir e outras nos fai sufrir, si, pero que sempre nos mantén unidos. Con afouteza, con corazón e co orgullo de pertencer a algo que vai moito máis alá». Agora, engaden, «só queda dar as grazas. Grazas ao 2025 por todo o vivido. E ao 2026 pedirlle saúde para todos, felicidade e moitos máis momentos para seguir camiñando xuntos, como o que somos: unha gran familia celeste. Grazas por estar aí, Feliz Aninovo e Sempre, Sempre Celta!», conclúen.