O Casco Vello, escenario dunha xuntanza entre afeccións de Celta e Eibar

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

SIAREIROS DEZAOS

A asociación veciñal, en colaboración coa Federación de Peñas do Celta, organizan unha quedada como parte da festa de presentación da Reconquista 2019

25 oct 2018 . Actualizado a las 13:05 h.

A Asociación de Veciños do Casco Vello e a Federación de Peñas uniron forzas para que a do partido entre Celta e Eibar deste sábado non sexa unha previa calquera. O Berbés será escenario dunha xuntanza entre as peñas celtistas e os afeccionados desprazados desde Euskadi que se enmarca dentro da programación da festa de presentación da Reconquista 2019.

«A idea é que a Reconquista sexa moito máis ca unha representación teatral e que participe todo Vigo. Atopámonos con que a data que elixiramos coincidía cun partido do Celta e ao saber que viñan afeccionados de fóra pensamos nesta quedada», explica o directivo da asociación Fiz Axeitos. Lembra que a colaboracion co Celta a través da Fundación e da Federación de Peñas son constantes, e que o froito máis visible son quizais os vídeos e fotografías, ás veces con participación de xogadores do equipo, que se fixeron nos últimos anos para promocionar a festa.

A Federación de Peñas acolleu de moi bo grao a idea que se lle trasladou desde o colectivo veciñal, explica o presidente do organismo celtista, Pepe Méndez. «Hai moitos peñistas que viven na zona e é unha boa oportunidade para promocionar a festa da Reconquista», explica. Ademais, lembra que tamén é unha boa oportunidade para devolver aos seareiros armeiros a acollida que lles dispensan cada vez que o celtismo se despraza ata alí. «Hai moi boa relación, sempre nos tratan moi ben e ademais virá xente da Peña Celtista Eibarzale», indica.

Para a ocasión hai programado un concerto de rock a cargo de D’Esmorga que comezaerá ás12.30 horas do sábado no escenario que se instalará para a ocasión. A maiores estará o grupo de pandereteiras Tarambaina, gaiteiros do Berbés e Os catro quintos. Máis alá do partido, a festa seguirá pola noite co Orfeón Mariñeiro do Berbés, Os Cuncheiros e The Teta’s Van.

Quince anos de irmanamento entre Esmorga Zeleste e Eskozia la Brava

Como é habitual, a peña celtista Esmorga Zeleste e a do Eibar Eskozia La Brava compartirán tamén a previa. Tan habitual como que levan quince anos xuntándose cando se enfrontan os seus equipos, lembra Martín Fernández, da agrupación celtista. Sen unha axenda marcada, teñen previsto reunirse tanto o venres pola noite coma o sábado. «Xa van quince anos que andamos a facer o indio con estes o Eibar», di Martín entre risas. E celebra que neste caso o partido non fose programado en luns.