400 escolares celebran no Carballiño o fin dos «21 días co galego»

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Case medio milleiro de escolares, este xoves no Carballiño, na festa de peche do programa «21 días co galego»
Case medio milleiro de escolares, este xoves no Carballiño, na festa de peche do programa «21 días co galego»

A iniciativa da Xunta para promover o uso do galego entre a cativada contou este curso coa participación dunha decena de centros

26 feb 2026 . Actualizado a las 18:31 h.

Catrocentos escolares celebraron este xoves no Carballiño o fin de festa da iniciativa «21 días co galego», organizada todos os anos pola Xunta para promover o uso do galego entre a cativada. Ao evento acudiron alumnos dos dez centros educativos da comunidade, que pecharon a oitava edición do programa xunto ao secretario xeral da Lingua, Valentín García. «O encontro final supón unha oportunidade de confraternización e intercambio de opinións sobre as actuacións que fixeron en cada un dos colexios, cunha xuntanza lúdica e didáctica para compartir experiencias e seguir enriquecendo a nosa lingua», asegurou o alto cargo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O programa reuniu un total de 3.700 persoas este ano e, durante o acto, García quixo agradecer «a implicación coa lingua das comunidades escolares que este ano se animaron a formar parte, de maneira voluntaria, desta proposta». O secretario xeral da Lingua destacou a importancia deste tipo de accións «nas que se involucra tanto o alumnado como o profesorado dos centros, dándolle valor e prestixio ao galego a través de actividades que van máis alá das horas lectivas nas aulas», e lembrou as demais iniciativas que a Xunta desenvolve para impulsar o uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade.

Neste curso 2025/26 o programa contou coa participación do colexio Isidro Parga Pardal, de Oleiros; do centro dos Tilos, en Teo, e do Anxo da Garda, na Coruña. Tamén se uniron á iniciativa o colexio A Ponte e o Benigno Quiroga Ballesteros, de Lugo. E a estes sumáronse, en Pontevedra, o centro Álvarez Limeses e os colexios Ría de Vigo e Amor de Dios, en Vigo. En Ourense participaron o colexio A Ponte e o Irmáns Villar.