Os expertos demandan máis recursos para os servizos de normalización e para os equipos de dinamización da lingua
GALICIA
Os encontros celebrados en outubro polo Consello da Cultura Galega conclúen que é necesario mellorar a financiación e propoñen derrogar o decreto do plurilingüismo
05 feb 2026 . Actualizado a las 18:24 h.Os servizos de normalización lingüística e os equipos de dinamización do galego que existen no país precisan de máis recursos para poder desenvolver todo o seu potencial. Esa é a conclusión á que chegaron unha vintena de especialistas que se reuniron en outubro nos XXII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. A conclusión dos especialistas é que os servizos de normalización e os equipos de dinamización, que existen dende hai máis de tres décadas, «resultan esenciais para a revitalización e o uso social do galego», pero precisan «dun cambio estrutural e de apoio económico» para poder desenvolver esas funcións.
Con respecto aos servizos de normalización dependentes de concellos e outras institucións, os expertos reunidos polo Consello da Cultura alertan da distribución territorial «profundamente desigual» e un estancamento na súa creación «nas últimas décadas» con orzamentos precarios, falta de persoal e sobrecarga de traballo. Para resolver esta situación, consideran «urxente» aprobar unha normativa supramunicipal que garanta a coherencia das políticas lingüísticas «no conxunto do territorio».
Carencias similares detectaron ao estudar a realidade dos equipos de dinamización da lingua que existen nos centros educativos. Neles, os especialistas destacan «numerosas debilidades estruturais e operativas», entre as que se atopan a falta de persoal, as carencias formativas e o desaxuste entre o tempo que se asigna aos profesores que forman parte dos equipos e o tempo que realmente lle acaban dedicando a esas tarefas. Como solución, as propostas saídas do encontro pasan por mellorar a oferta formativa dos docentes, por incrementar o número de horas destinadas a ese labor e por aumentar o orzamento.
No eido educativo, os especialistas tamén propoñen «a derrogación» do chamado decreto do plurilingüismo —aprobado no 2010— por non ter contribuído «ao proceso de normalización lingüística». Nestes encontros, que o Consello da Cultura organiza dende 1993, estreáronse este ano unha nova xeración de mozos e mozas que, consideran dende o ente estatutario, «evidenciaron que as accións normalizadoras funcionan, rompen prexuízos e crean espazos seguros».