Día Internacional das Cebras: un patrón de listas que fai única a cada unha
ESCUELA
O 31 de xaneiro reivindícase a importancia deste mamífero da familia dos équidos
28 ene 2026 . Actualizado a las 10:18 h.Hoxe veño con moitas curiosidades sobre uns animais que son únicos, e dígoo literalmente; case coma nós, os humanos. Do mesmo xeito que non hai ninguén idéntico á vos en todo o mundo, tampouco ides atopar dúas cebras iguais. Este sábado celebramos o día internacional duns mamíferos da familia dos équidos que son como unha mestura de cabalo e asno, cun patrón de listas pardas e negras ao seu través cunha combinación de cores, grosores e formas irrepetibles. Esa é precisamente a característica que fai estes animais inconfundibles, como se se tratase das súas impresións dixitais. As listas non só serven para distinguilas, senón que teñen dúas funcións vitais para a súa supervivencia: actúan como camuflaxe, para confundir os depredadores e insectos, e axúdanlles a regular a súa temperatura corporal.
A idea de dedicarlles un día —o 31 de xaneiro— débese á necesidade de concienciar a poboación sobre a importancia das cebras no planeta e sobre o perigo que corren pola perda do seu ecosistema e as ameazas da caza furtiva, a pesar da súa resistencia e adaptabilidade ao medio. A expansión agrícola, a construción de infraestruturas e a deforestación están a reducir os espazos onde as cebras poden vivir e migrar. E onde viven? Pois exclusivamente en África, en países como Kenya, Tanzania ou Namibia, principalmente nas sabanas e pasteiros do continente.
Amais de ser únicas polas súas listas, existen tres especies principais (chaira, montaña e grevy) e ata seis subespecies, unha delas xa extinta. A cebra de chaira ou de sabana é a máis común e a que a maioría de vós vos imaxinaredes, e vive nas sabanas e pasteiros do sur e o leste do continente africano. A de montaña, que é un chisco máis pequena e ten o ventre branco sen listas, prefire, como di o nome, terreos montañosos e áridos. E a grevy, a especie cos animais máis grandes, habita zonas semiáridas e ten as listas máis estreitas. Actualmente, hai menos de dous mil exemplares...
Aínda que parezan vulnerables, as cebras saben defenderse moi ben en equipo. Poden dar couces coas súas patas traseiras moi pero que moi potentes. Son animais sociais que viven en grupos. Tamén son moi resistentes e poden correr a velocidades de ata 65 quilómetros por hora para escapar dos depredadores, que son os leóns e mais as hienas, durante bastante tempo. Miden entre un metro e metro e medio e poden chegar a pesar ata 450 quilos. Outra curiosidade que podedes ter é se son brancas ou negras: vós de que cor credes que teñen a pel? Cientificamente, dise que é negra baixo a súa pelaxe, polo que son negras con listas brancas. E son capaces de durmir de pé! Vós podedes? Ha, ha.
Esta vez a actividade será manual: podedes facer unha cebra de cada unha das especies utilizando os rolos do papel hixiénico, pintura branca e negra e cola.