A proposta do Marco Financeiro Plurianual centraliza o reparto de fondos e reduce os cartos para a PAC e a pesca
10 dic 2025 . Actualizado a las 19:43 h.O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, defendeu este mércores en Bruxelas manter o actual reparto de fondos comunitarios para o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, o orzamento da UE nese período. O mandatario tamén criticou o recorte nos fondos agrarios e pesqueiros e reivindicou, no pleno do Comité Europeo das Rexións, o papel de Galicia como potencia en IA e enerxía limpa.
Rueda presidiu a reunión da delegación española no Comité Europeo das Rexións, o órgano de representación autonómica e local. Neste encontro amosouse o consenso das administracións españolas e dos dous grandes grupos no Parlamento Europeo, o popular e o socialista, para non modificar o reparto de fondos actual, «un modelo que está funcionando», segundo puntualizou o presidente da Xunta. «Queda un longo camiño pero espero que se manteña esta unidade e que ao final cosas fundamentais que defendemos teñan éxito», declarou.
No pasado mes de outubro, a delegación española no Comité das Rexións aprobou en Santiago a Declaración Galicia, onde reclaman un maior protagonismo dos entes rexionais e locais nos plans comunitarios, ademais de demandar unha partida propia para a política de cohesión, encargada de reducir as desigualdades entre as rexións europeas.
A proposta de novo orzamento da UE propón a creación de plans de colaboración nacional e rexional, unha medida que reduciría o rol local e autonómico no reparto dos fondos para as súas competencias. «A execución dos fondos NextGeneration foi centralizada, con moitísimos fallos e ineficacias, e é o que se pretende agora», lembrou Rueda.
O presidente da Xunta non descartou outros mecanismos para repartir os cartos neste novo contexto, pero precisou que «sexa cal sexa o Goberno de España, hai que mellorar a relación e a cooperación entre as comunidades autónomas e o Goberno central para tomar decisións estratéxicas como esta».
O recorte de cartos para a Política Pesqueira Común (PPC) e a Política Agraria Común (PAC) tamén protagonizou a axenda de Rueda, ao seren Galicia a primeira potencia rexional pesqueira da UE. «Non pode desaparecer un fondo específico de pesca, como parece que está adiantando», declarou o presidente da Xunta rexeitando a redución proposta da PPC. Unha menor actividade pesqueira en Europa, ademais, reduciría a súa soberanía alimentaria e abriría a porta a produtos de terceiros países «que non teñen que cumprir cos requisitos de aquí», matizou o presidente.
No pleno do Comité das Rexións, onde Rueda é vicepresidente, o presidente da Xunta expuxo a postura de Galicia nos debates sobre intelixencia artificial e enerxía accesible. No primeiro eido, o Comité reivindicou o rol das rexións e cidades no uso da intelixencia artificial, unha prioridade estratéxica para a soberanía tecnolóxica da UE, nas administracións públicas.
Rueda defendeu o papel de Galicia como pioneira nesta tecnoloxía, sendo a primeira comunidade autónoma en aprobar unha lei de IA no pasado mes de marzo. «Europa ten diante o reto de converterse nun referente en IA fiable, ético e centrado nas persoas», remarcou na súa intervención. O presidente destacou a Estratexia galega de IA, que ata o 2030 destinará máis de 330 millóns de euros no seu desenvolvemento e aplicación, o nodo GalicIA de cooperación transfronteiriza e a futura fábrica de intelixencia artificial sanitaria situada no Centro de Supercomputación de Galicia.
No debate sobre o ditame en enerxía accesible, o presidente da Xunta destacou o valor de Galicia como unha potencia en renovábeis (o 84% da xerada no territorio) e reclamou unha mellora da rede eléctrica para poder empregar toda a enerxía limpa xerada. «Non é posible a cohesión social nin a competitividade económica sen unha enerxía limpa e accesíbel», segundo dixo no hemiciclo do Parlamento Europeo.