Tecnoloxía para vertebrar o territorio: conectividade e oportunidades

M. D. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

La Voz

La Voz e a Amtega organizaron un foro para detallar o avance da dixitalización

28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun mundo cada vez máis dixital, o acceso a internet de calidade e a dispoñibilidade de infraestruturas tecnolóxicas son dous elementos claves para que a sociedade siga avanzando. Sobre as medidas que se veñen implementando en Galicia para vertebrar o territorio e garantir o desenvolvemento e a igualdade de oportunidades entre as zonas rurais e as urbanas xirou o encontro informativo celebrado no plató da redacción de La Voz de Galicia. No foro compartiron opinións o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega); a xerente de Retegal, Pilar Chapela; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; e o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Xacobo Feijoo.

«Supón unha oportunidade moi interesante porque nos permite ser máis áxiles e chegar cos servizos da Administración á cidadanía», apuntou Cerviño, quen tamén se referiu aos retos porque «no caso de Galicia temos o hándicap da orografía, a distribución da poboación e o envellecemento», que tamén condicionan os proxectos que se levan a cabo para dixitalizar a toda a sociedade. A  Amtega leva anos comprometida cunha transformación que atinxe a diversos eidos: a saúde, a educación e o emprendemento a través da economía local, entre outros. O obxectivo, subliñou, «é vencer os obstáculos para mellorar a calidade de vida de todos os cidadáns. Para iso traballamos, dende o 2010, con axendas dixitais que avancen en todos os temas de infraestruturas de comunicacións e de dixitalización».

Para Pilar Chapela, xerente de Retegal, «a aplicación de tecnoloxías intelixentes no rural contribúe á mellora da competitividade e eficiencia e, sobre todo, a facilitar a vida da cidadanía e das persoas do rural». Así, Chapela explicou: «Dispoñer de información do territorio vainos permitir xestionar ese territorio e automatizar tarefas, monitorizar procesos, xestionar alertas e tomar decisións baseadas en datos». Afondando nese último aspecto, o director xeral de Defensa do Monte insistiu en que «as comunicacións dixitais son as que nos vertebran como sociedade, en especial, a efectos de xestión de emerxencias» porque «cando perdes as comunicacións perdes todo». E citou o día do apagón, «xa que, co que retrocedemos medio século non é coa falta de electricidade, senón coa ausencia de comunicacións».

Pola banda de Unións Agrarias, Xacobo Feijoo reclamou «un acceso á rede universal para o rural e tamén unha óptima dixitalización». E citou varios exemplos: «A relación coa Administración e as que se crean entre cliente e provedor xa son dixitais. A gandería e o agro están inmersos na dixitalización, con animais que levan GPS para indicar problemas de saúde e con animais monitorizados nas explotacións de leite».

A Xunta lanzou no 2010 unha primeira axenda dixital cun plan de banda larga que, posteriormente, se prorrogou ata o 2020 chegando ao 95 % da poboación. Ademais, nos últimos tres anos, a Administración autonómica puxo en marcha un reforzo con torres e repetidores en zonas rurais que non están nos plans das operadoras. «Unhas 68 antenas que cobren uns 5.500 habitantes», detallou Cerviño. Tamén despregaron —engadiu Chapela— redes de conectividade co obxectivo de «dar servizo a toda a xeografía galega e unha rede de seguridade de emerxencias de Galicia para garantir as comunicacións en situacións de alerta».

Avance «significativo»

«Está á vista de todo o mundo o avance significativo que se deu nos últimos anos», asegurou Rodríguez. No seu caso, referiuse á monitorización, a través de cámaras dixitais, de todo o territorio. E, para que ese avance non se deteña, para acadar un maior grao de despregue, Feijoo pediu ás empresas con impacto no rural, como as de eólica, que «dentro das obras de compensación inclúan aspectos de conectividade». Entre os proxectos nos que traballa Amtega, Cerviño destacou a plataforma de territorio intelixente, que agrupa temas de cartografía ou sensórica, da que se nutren os xemelgos dixitais: «Vainos permitir simular escenarios no territorio, xa fixemos unha cartografía en alta resolución da provincia de Ourense». ¿O reto? «Ofrecer servizos á cidadanía, pero tamén datos para que as decisións da Xunta estean baseadas en evidencias».