A Dirección Xeral de Tráfico negouse a aceptar un trámite telemático en galego malia a actuación da Valedora do Pobo
GALICIA
Argumentou que as linguas cooficiais só se poden empregar de xeito presencial e declinou a proposta do organismo autonómico tras a queixa dun cidadán
07 nov 2025 . Actualizado a las 19:55 h.O informe presentado este venres pola Valedora do Pobo, no que recolle as actuacións do exercicio do 2024, revela unha actuación na que a institución instou á Dirección Xeral de Tráfico (DXT) a admitir trámites telemáticos en galego. A petición, rexeitada por Tráfico, efectuouse a raíz dunha queixa á Valedora por unha reclamación realizada en liña que non chegou a bo porto.
A DXT recibiu un trámite redactado en galego, pero acabou solicitándolle á persoa implicada que reenviara a información en castelán. Unha petición que, segundo defendeu a institución dependente do Ministerio de Interior, permite «evitar posibles errores de interpretación y agilizar los trámites».
Logo do acontecido con ese trámite e tras a resposta de Tráfico, a persoa afectada elevou unha queixa á Valedora do Pobo e esta instoulle á DXT a modificar o sistema e a admitir trámites na lingua propia da comunidade. Non obstante, o organismo rexeitou a proposta alegando que, consonte o artigo 15 da Lei de Procedemento Administrativo Común, «os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán empregar tamén a lingua que sexa cooficial nela».
Malia a que a normativa, do 2015, non establece nada a respecto dos trámites en liña, a DXT defende que si e asegurou que a lingua cooficial só se pode empregar nos trámites presenciais. Unha vez entregados, sería a propia administración a encargada de traducilo. Un proceso, que a ollos da valedora e segundo recolle Europa Press, «semella pouco lóxico».
No seu informe, a Valedora argumenta que a propia DXT ofrece tamén na súa páxina web todos os contidos en linguas estranxeiras e cooficiais e salienta que iso «dá a entender que os trámites na sede electrónica» non requiren de tradución. Partindo desta base, o organismo solicitou que se admitiran os trámites en galego ou, no seu defecto, que a propia administración se encargara de traducilos. Pero a DXT, respaldándose na posibilidade de entregalos de forma presencial en galego, rexeitou a proposta.
O informe anual da Valedora correspondente ao 2024 recolle 19 queixas individuais por dereitos lingüísticos, tres menos que o ano anterior. A meirande parte delas foron admitidas, mentres que case un 16 % foron remitidas ao Defensor del Pueblo.